Thursday 06 de November de 2025

A Casa da Cultura de San Sadurniño acolle ata fin de mes a exposición “Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934-1944)”


Este venres ás 19:00h tamén se inaugura a mostra “Capturando a Natureza”, do fotógrafo mugardés Álvaro Lamas

 

Desde este martes 4 de novembro e ata o día 30, a Casa da Cultura de San Sadurniño acolle a mostra “Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934-1944)”, unha exposición divulgativa que percorre o proceso de creación do libro Sempre en Galiza e o contexto histórico no que xurdiu o Consello de Galiza, organismo presidido polo propio Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A serie de paneis, que forma parte das actividades programadas polo Concello dentro do Ano Castelao, poderá visitarse de luns a venres, de 9:00 a 15:00 e de 17:00 a 20:00 horas agás os mércores.

“Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934-1944)” é unha iniciativa da Cátedra Institucional Castelao da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación Penzol, baixo produción de Editorial Galaxia. Chega a San Sadurniño en colaboración co Concello de Tomiño e está comisariada por Henrique Monteagudo Romero, presidente da Real Academia Galega e director da cátedra dedicada ao intelectual galeguista.

A iniciativa pretende achegar ao público o pensamento e a obra de Castelao a través de paneis e materiais documentais cos que o público poderá coñecer o proceso de escritura de Sempre en Galiza, iniciado en 1934, así como o contexto político e cultural que levou á fundación do Consello de Galiza no exilio en 1944.

O libro Sempre en Galiza, publicado en Buenos Aires en marzo dese mesmo ano, converteuse nunha peza fundamental do pensamento galeguista, unha alegación a prol da identidade nacional e do autogoberno de Galicia. Considerado o testamento político da xeración das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, segue a ser hoxe unha obra de referencia indispensable para entender o pasado e presente do noso país.

Con esta exposición, San Sadurniño engade unha nova proposta ao programa de actividades que se está desenvolvendo durante todo este ano dentro e fóra do noso concello para difundir o legado cultural e político de Castelao, relacionado cun período decisivo do noso pasado recente.

Inauguración da exposición fotográfica de Álvaro Lamas
Canda esta mostra sobre Castelao, que se encontra no recibidor da Casa da Cultura, en San Sadurniño tamén poderemos visitar durante todo o mes a exposición fotográfica “Capturando a Natureza”, do fotoógrafo mugardés Álvaro Lamas. Trátase dunha colección de paisaxes e detalles capturados na comarca e noutros puntos do norte do Estado cos que Lamas busca transmitir “emocións e momentos que van máis aló do rexistro fotográfico”.

A exposición pode visitarse xa na Galería do Concello de San Sadurniño, aínda que a inauguración formal -que irá seguida dun faladoiro co autor- está prevista para este venres 7 de novembro ás 19:00h.

Deja un comentario