• Dentro da iniciativa, o municipio cariñés acollerá unha Timba feminista.
• O próximo 2026 Cariño collerá a testemuña como anfitrión da campaña.
O pasado martes, 4 de novembro, presentouse no Concello de Ortigueira a campaña “De Faro a Faro 2025”, unha iniciativa comarcal de cooperación institucional baixo o lema “De Faro a Faro contra as violencias machistas”. Este proxecto une aos concellos de Cariño, Cerdido, Mañón e Ortigueira nun compromiso común pola igualdade e a erradicación das violencias machistas en todo o territorio do Ortegal.
Esta campaña ten como obxectivo reforzar o traballo en rede entre as administracións locais, promovendo accións coordinadas de sensibilización, prevención e apoio ás vítimas en todo o territorio do Ortegal. Durante as próximas semanas desenvolveranse accións formativas e de sensibilización en cada municipio, coa finalidade de promover a reflexión, a prevención e o cambio social necesario para construír un futuro libre de violencias.
Neste sentido, a alcaldesa, Ana María López, explicou que con esta iniciativa “búscase reafirmar o noso compromiso firme coa igualdade e a erradicación de todas as formas de violencia machista”.
Como parte desta programación, o xoves 19 de novembro, o Concello de Cariño acollerá unha Timba feminista co xogo ‘Feminismos non Tempo’, que se celebrará no Local Social da Casa do Concello de 17:00 a 18:30 horas. Trátase dunha actividade participativa na que as persoas asistentes poderán situar distintos acontecementos do movemento feminista ao longo da historia, favorecendo o coñecemento e a reflexión colectiva.
O domingo 23 de novembro levará a cabo unha marcha conxunta contra as violencias machistas, que terá lugar en Ortigueira entre as 11:30 e as 13:30 horas. Para facilitar a asistencia, ofrecerase un servizo de autobús gratuíto desde todos os municipios do Ortegal.
Ademais, o martes 25 de novembro, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mujeres, realizarase a lectura oficial do manifesto en todos os concellos da comarca a partir das 12:00 horas.
Cariño, sede da campaña en 2026
O Concello de Cariño recollerá a testemuña da campaña en 2026, converténdose no municipio anfitrión da próxima edición, algo que segundo explica Ana María López supón “todo un orgullo para o noso municipio”. Na mesma liña, a rexedora afirma que “o Faro de Cabo Ortegal será o símbolo e testemuña desta loita compartida contra as violencias machistas, reafirmando o compromiso do Concello de Cariño coa igualdade, o respecto e a convivencia”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.