Wednesday 05 de November de 2025

Recepción oficial na Casa do Concello a Lucas Yáñez, campión de Europa de patinaxe artística


O alcalde, Ángel García Seoane, e a concelleira de Deportes, Teresa Vázquez, recibiron oficialmente na Casa do Concello ao recente campión de Europa de patinaxe artística Lucas Yáñez, veciño de Dorneda. En recoñecemento a ese destacado triunfo deportivo, froito dun esforzo e dedicación persoal sobresaíntes, fíxoselle entrega dunha placa como agasallo institucional do Concello de Oleiros.
Lucas Yáñez é neste momento unha figura mundial deste deporte. Con tan só 21 anos atesoura unha brillante carreira, xa que ademais deste último título europeo foi campión mundial en dúas ocasións. Pero por encima deses triunfos, Lucas destaca pola súa forma de ser, a súa humildade e a súa afabilidade, o que o converte en referente para nenos e nenas, e en orgullo máximo para o pobo de Oleiros.
A partir dos 3 anos, Lucas Yáñez comezou a practicar patinaxe, fútbol, judo e natación en distintas instalacións do Concello. Co paso do tempo foi centrándose na patinaxe, no club Patín Maxia, principalmente por unha cuestión de gusto persoal, pero tamén polas grandes capacidades que esbozaba para converterse nun grande campión. A súa foi unha traxectoria impecable, repleta de vitorias, facéndose co triunfo en practicamente todas as competicións ás que acudía. Un exhaustivo plan de adestramentos diarios con grandes doses de sacrificio persoal fixeron de Lucas Yáñez un gran campión internacional.

Deja un comentario