Wednesday 05 de November de 2025

O Concello de Carballo aborda o plan de tráfico establecido na Estratexia de mellora e xestión do espazo público urbano con novas actuacións nas rúas Fomento e Alfredo Brañas


Dar prioridade a transeúntes, ciclistas e viaxeiros/as en transporte público fronte ao vehículo a motor privado, diminuír o tráfico de paso a través da zona urbana, disuadir do uso do vehículo privado en desprazamentos de curto percorrido, reducir a velocidade en zonas sensibles (próximas a colexios, parques, etc), limitar as emisións e os ruídos derivados do tráfico rodado e mellorar a seguridade viaria en xeral son, dun xeito resumido, os obxectivos do plan de tráfico establecido na Estratexia de mellora e xestión do espazo público urbano.
O propio plan, aprobado o ano pasado, outorga unha prioridade alta ás medidas concretas derivadas desa filosofía, e establece un prazo de implantación que oscila entre os dous e os oito anos, segundo as actuacións propostas.
A Concellaría de Planificación Urbana, Policía e Mobilidade está a materializar varias desas medidas, que teñen que ver co establecemento de sentidos únicos de circulación para mellorar a fluidez do tráfico rodado e a seguridade, como se fixo recentemente na contorna da Praza do Hospital ou como se está a facer estes días no treito da rúa Alfredo Brañas comprendido entre Perú e Vázquez de Parga. Nese ámbito, a estratexia de mobilidade tamén prevé unha reordenación encamiñada a mellorar o acceso á zona do centro de saúde, establecendo dirección únicas nas rúas Muíño, Mendel, Darwin e Laracha.
Tamén está previsto actuar nas rúas Mirtos, Xeranios, Xestas, Fiúnchos e Vila de Arousa ata Vila de Caión, co obxectivo de acadar unha mellor organización do tráfico e favorecer os movementos de entrada e saída das persoas residentes en cada un deses ámbitos, así coma na rúa Río Eume.
Xunto a este tipo de actuacións, que basicamente levan aparellados cambios na sinalización horizontal e vertical, desde a Concellaría de Mobilidade tamén se están a impulsar proxectos de urbanismo táctico. Despois da actuación realizada nas rúas Pan, Xirona, Luis Calvo e Tarragona, que permitiu mellorar a fluidez do tráfico e humanizar esa contorna con medidas como a plantación de árbores, estes días estase a traballar na rúa Fomento. Desde a reapertura da ponte de Isabel II xa quedou establecido o sentido único de circulación (saída de Carballo) de xeito provisional, pero a partir de agora farase definitivo cun proxecto que permitirá ampliar as zonas peonís, crear un carril bici, introducir arborado e manter os aparcadoiros. As obras teñen un orzamento de 40.000 euros. O obxectivo é que a rúa Fomento permita, nun futuro, enlazar a Praza de Galicia coa senda peonil e ciclista da Revolta. Neste sentido, o Concello de Carballo ten en licitación a redacción do proxecto de reurbanización da avenida de Fisterra.

Deja un comentario