O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausuraron o XXXVII Curso de unidades de prevención, asistencia e protección das vítimas de violencia de xénero
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron esta mañá na clausura do XXXVII Curso de unidades de prevención, asistencia e protección das vítimas de violencia de xénero, que se celebrou na Agasp.
Luis Menor destacou que o curso representa “o paso final” dun longo camiño que vén percorrendo a Policía Autonómica para chegar ao obxectivo de participar nas tarefas de protección ás vítimas de violencia de xénero. Un traballo no que, explicou, participarán seis equipos específicos, un por cada sede da UPA, que estarán coordinados pola sede central de Santiago e contarán con persoal, vehículos e medios propios para este importante labor.
Ademais, o director tamén salientou a gran acollida do curso -onde participa practicamente a cuarta parte do cadro de persoal da UPA- e o carácter multidisciplinar e colaborativo dos docentes e os contidos do curso, que abrangueron asuntos como técnicas de comunicación coas vítimas, os xulgados da violencia de xénero, as unidades policiais de prevención ou o Sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero, VIOGEN, entre outros.
Segundo explicou Menor, o persoal que supere o curso comezará a traballar na prevención das mulleres que sofren malos tratos, en coordinación coa Xefatura Superior de Policía de Galicia. O obxectivo final, dixo, é avanzar na consecución dunha policía máis próxima ao cidadán e cunha formación “adaptada as necesidades reais e aos problemas da cidadanía”.
Erradicar o maltrato, unha cuestión de Estado
Pola súa banda, a titular de Igualdade afirmou que a violencia machista é un delito “que todos e todas debemos combater” e que a súa erradicación é unha prioridade para o Goberno galego e mesmo “un deber de Estado”.
Por iso, a Xunta conta cun sistema de protección e asistencia integral e especializada fronte á violencia machista. Este sistema organizase en torno ás cinco casas de acollida que conforman a Rede galega de Acollemento, o Centro de Emerxencias de Vigo (CEMVI) e as vivendas de seguridade para vítimas de explotación sexual e trata.
A estes recursos, que o ano pasado atenderon a preto de 300 persoas, hai que sumarlle o Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren violencia de xénero, o CRI, un centro pioneiro en España que o ano pasado atendeu a 95 persoas entre mulleres e os fillos e fillas destas.
López Abella tamén destacou os 22 dispositivos de alarma activos en Galicia e as máis de 400 altas que houbo o ano pasado no Servizo Telefónico de Atención e Protección para Vítimas de Violencia de Xénero (ATEMPRO), así como dúas importantes novidades que se puxeron en marcha a finais de 2015 na loita contra a violencia machista.
A primeira foi a sinatura en outubro dun convenio co Ministerio do Interior para integrar o punto de coordinación das ordes de protección de Galicia co sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero, VIOGEN. Ata o 31 de decembro de 2015 activáronse 2.934 casos en Galicia.
A segunda novidade foi a posta en funcionamento o decembro pasado dunha aplicación móbil de apoio ás vítimas de violencia machista, “Escapp”; unha app que permite acceder ao coñecemento dos recursos existentes en Galicia -CIMs, comisarías, hospitais, etc.- “dunha forma áxil, sinxela, intuitiva e gratuíta”. Ademais, segundo explicou a secretaria xeral, garante a confidencialidade, xa que permanece oculta nas iconas do teléfono.