Sae a concurso a obra de construción da nova pista multideporte que se habilitará no parque Carlos Casares, en Monte Alto
Ademais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á licitación das melloras previstas nos vestiarios da Cidade Deportiva da Torre e a reforma das cubertas nos pavillóns da Sagrada Familia e Ventorrillo
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobaron importantes investimentos para a cidade, por valor de máis de 4 millóns de euros, co obxectivo de construír novos equipamentos públicos ou renovar instalacións municipais xa existentes.
Algo máis da cuarta parte desta partida económica destinarase á ampliación e remodelación da área infantil da praza de Portugal, en Riazor. Ao abeiro do Plan de Parques Infantís 2025-2030, o Goberno de Inés Rey impulsa unha intervención que contará cun orzamento de 1,4 millóns de euros e que permitirá adaptar un recinto de xogos que, a día de hoxe, ten capacidade para 11 persoas usuarias. Cando se completen os traballos —que saen xa a concurso—, a superficie será de 800 metros cadrados e haberá unha capacidade para case 150 nenas e nenos.
A alcaldesa apuntou que esta actuación permitirá dar resposta ás necesidades das familias e as crianzas nesta parte da cidade, atendendo á cercanía de tres centros educativos na contorna e á saturación existente en puntos como a área infantil da praza Mestre Mateo.
Neste sentido, o futuro parque infantil da praza de Portugal contará cunha nova estrutura ondulante de 55 metros de longo —concibida como un circuíto de xogos e obstáculos— e columpios adaptados a nenas e nenos con mobilidade reducida. Ademais, aproveitarase un dos espazos laterais da praza para crear unha nova área deportiva de calistenia.
O investimento permitirá crear na cidade Coruña un parque que será un referente en Galicia neste tipo de instalacións.
Un parque infantil a dez minutos ou menos do fogar de cada familia
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, a alcaldesa lembrou que o Plan de Parques Infantís 2025-2030 prevé dedicar máis de 10 millóns de euros no vindeiro lustro, co obxectivo de que, de aquí a 2030, todas as familias, vivan onde vivan na cidade, conten cun parque infantil a dez minutos ou menos da súa vivenda.
Cómpre lembrar que a folla de ruta do Goberno municipal inclúe a construción de, polo menos, tres parques infantís cubertos. Un deles, o do Ventorillo, xa está licitado.
Monte Alto contará coa súa primeira pista multideporte ao aire libre
Tamén esta mañá, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á licitación das obras de construción da que será a primeira pista multideporte do barrio de Monte Alto. “É unha iniciativa que forma parte dos compromisos adquiridos coa veciñanza e a comunidade educativa do barrio, sendo como foi unha proposta das catro ANPAS de Monte Alto, que recibiu o visto bo a través dos Orzamentos Participativos”, precisou Inés Rey.
A pista estará situada no sector oeste do parque Carlos Casares. Concretamente, entre a rúa Faro Finisterre e as instalacións do Centro de Inserción Social. A súa construción levarase a cabo sobre unha superficie de titularidade municipal e, unha vez esté habilitada, as persoas usuarias poderán xogar ao baloncesto, fútbol-sala, balonmán, voleibol, hóckey e mini-basket, entre máis disciplinas.
O investimento previsto polo Concello é 237.000 euros. Toda vez se adxudiquen as obras, estímase un prazo de execución de tres meses.
Máis dun millón de euros para melloras en instalacións deportivas
O abano de investimentos aprobados hoxe na Xunta de Goberno esténdese tamén ás instalacións deportivas municipais. Tal e como se acordou este mércores, o Concello licita actuacións por valor de máis dun millón de euros entre a Cidade Deportiva da Torre e os pavillóns polideportivos da Sagrada Familia e o Ventorrillo, co obxectivo de ir adecuando estes recintos ás súas necesidades actuais.
No caso da Torre, o Goberno de Inés Rey avanza xa cara a primeira fase da reforma dos vestiarios, centrada na redistribución de espazos para reorganizar as dependencias. A actuación conta cun orzamento de 926.000 euros.
Xa no referente aos pavillóns polideportivos da Sagrada Familia e o Ventorrillo, está previsto renovar ambas as cubertas destas dúas instalacións, cun importe total de algo máis de 300.000 euros.
As tres actuacións saen xa a licitación.
O Castro de Elviña terá un centro de apoio ás actividades arqueolóxicas
Noutra orde de asuntos, o Concello dá continuidade á súa folla de ruta para potenciar a rede de Museos Históricos da Coruña, con actuacións xa sobre a mesa tanto no Castro de
Elviña como no Castelo de San Antón.
No caso do Castro de Elviña, saen xa a concurso as obras de construción do novo centro de apoio ás actividades arqueolóxicas e didácticas que se levan a cabo no xacemento, cun investimento de 330.000 euros.
Por outra banda, en San Antón levaranse a cabo traballos de adaptación da instalación eléctrica do museo arqueolóxico, con novas canalizacións. O importe desta intervención será de máis de medio millón de euros e tamén sae xa a concurso.
Melloras na toma de auga do Aquarium Finisterrae
Ademais, este mércores aprobouse tamén a saída a concurso das actuacións necesarias para mellorar a toma de auga do Aquarium Finisterrae, unha infraestrutura conectada ao mar e que é fundamental para garantir o subministro de auga salgada para o coidado das especies mariñas que hai no acuario. O investimento será de 265.000 euros.
“Con esta intervención damos continuidade ao plan de melloras que imos acometendo de forma gradual no Aquarium Finisterrae, onde hai algo máis de un ano renovamos tamén o sanatorio de focas que hai nos exteriores do edificio”, apuntou a alcaldesa.
María Rivas pilotará o Plan Estratéxico da Coruña
Esta mañá, na comparecencia ante os medios de comunicación, Inés Rey fixo especial fincapé en que o Concello está traballando, paso a paso, “para dar resposta ás necesidades existentes nos dez distritos, atendendo ás cuestións máis urxentes mais traballando tamén cunha perspectiva a medio e longo prazo”.
A este respecto, Rey anunciou tamén que a Xunta de Goberno aprobou o nomeamento de María Rivas como nova directora do Plan Estratéxico da Cidade da Coruña para o período 2030-2050.
“Tras a súa etapa á fronte da Subdelegación do Goberno, Rivas será a responsable de pilotar esta iniciativa fundamental para seguir avanzando nas melloras que precisa a cidade.
Dámoslle a benvida, agradecendo a súa implicación e vontade de sumar o seu gran de area para axudarnos a traballar na segunda gran modernización da Coruña. E a bo seguro, a súa experiencia a nivel profesional e institucional será moi importante para conseguilo, ademais da súa calidade humana e da súa máis que probada cualificación profesional”, valorou Rey.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.