A concelleira socialista pide que a alcaldesa asuma a responsabilidade e presida o grupo de traballo para resolver un problema “xerado por falta de vontade política”.
Marta Abal advirte de que o executivo compostelán “chega tarde e sen proposta” a un problema que leva meses sobre a mesa.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, reclamou hoxe que o Goberno local “se poña a traballar xa” para resolver o conflito aberto coa Policía Local e cos Bombeiros de Santiago, e advertiu de que a situación actual “é consecuencia directa da deixadez de funcións do executivo municipal”.
Abal lembrou que “para o Grupo Municipal Socialista as reivindicacións da Policía Local e dos Bombeiros nos parecen xustas e lexítimas”. Segundo explicou, “son demandas que, ademais, o Goberno Municipal ten enriba da mesa por parte dos sindicatos desde comezos deste ano”. A edil engadiu que se trata de peticións “baseadas en sentenzas firmes do Tribunal Supremo, que recoñecen, entre outros aspectos, que a festividade e a nocturnidade retribúen condicións particulares do posto de traballo”.
A concelleira subliñou que o Goberno local coñece esta situación “desde principios de ano” e que “segundo fontes sindicais, desde marzo e abril de 2025 contan con informes e análises exhaustivos que lle permiten chegar á mesma conclusión”. Nese sentido, afirmou que “a solución pasa por crear un complemento específico diferenciado ou pola modificación do complemento específico actual dos Bombeiros e da Policía Local”.
Abal describiu a situación actual como “absolutamente precaria” e indicou que “por terceira vez en poucos días o Parque de Bombeiros está sen servizo operativo, ao contar só con catro bombeiras ou bombeiros de servizo durante 24 horas, o que supón que, ante calquera emerxencia, debemos solicitar o apoio do 112 e a mobilización dos parques doutros concellos”.
“Na Policía Local, outro tanto do mesmo”, engadiu. “Os servizos mínimos de tres patrullas por turno na unidade operativa, isto fai un total de seis efectivos para toda a cidade, son absolutamente insuficientes para afrontar unha noite minimamente conflitiva ou eventos como manifestacións”. Abal alertou tamén de que “se están a decretar servizos mínimos para atender necesidades ordinarias, e iso é literalmente ilegal, feito tamén constatado con sentenzas xudiciais deste Concello, das cales sabe ben o concelleiro responsable”.
A concelleira afirmou que “Santiago de Compostela non pode permitirse ter a súa seguridade en mínimos por falta de vontade política, porque a día de hoxe o que hai aquí é unha absoluta falta de vontade política”.
Abal explicou que “o único que pide o persoal municipal é que se lle aplique o que di o Tribunal Supremo, que o traballo en sábado, domingos e festivos e a nocturnidade debe retribuírse conforme as condicións especiais do posto”. Para o as e os socialistas, “trátase dunha reivindicación lexítima, xusta e perfectamente encaixable na legalidade vixente”.
Criticou que “fronte a este problema, a única novidade que foi capaz de anunciar o Goberno Municipal foi a creación dun grupo de traballo”, pero advertiu de que “a día de hoxe non ten nin a composición definida, nin a orde do día, nin unha estrutura e tampouco ten uns obxectivos definidos”.
“Non é aceptable que, sabendo desta situación desde principios de ano, cheguemos a novembro sen unha solución e cunha proposta tan improvisada”, subliñou. Por iso, reclamou “que este grupo de traballo estea presidido pola alcaldesa”.
Segundo Abal, “a alcaldesa debe deixar de mirar para outro lado e debe asumir en primeira persoa a responsabilidade de asumir este conflito. Porque, en última instancia, a responsabilidade é da alcaldesa, da cabeza do Goberno”. Engadiu que “nin o concelleiro de Persoal nin o de Seguridade están sendo capaces de xestionar o problema” e que “dá a sensación de que se están pasando a pelota dunha concellaría a outra”.
A concelleira asegurou que “a solución é posible, é viable e danse as condicións necesarias para adoptar un acordo rápido e con todas as garantías”, xa que “hai xurisprudencia consolidada do Tribunal Supremo que xustifica estas demandas dos Bombeiros e da Policía Local”.
Por iso, pediu ao Goberno local “que se poña a traballar de inmediato” e insistiu en que “a alcaldesa debe presidir o grupo de traballo e asumir directamente as responsabilidades da resolución do conflito”.
Para Abal, “o conflito é perfectamente solucionable porque existe xurisprudencia que respalda calquera medida legal ao respecto e tamén existe unha maioría sindical na mesa que facilitaría unha modificación do convenio colectivo neste sentido”.
A concelleira concluíu facendo un chamamento “á responsabilidade do Goberno para que, en lugar de crear conflitos, os resolva antes de que cheguemos a esta situación”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.