Thursday 06 de November de 2025

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita Fene e comprométese a reclamar o estudo informativo da Rolda Oeste


A alcaldesa, Sandra Permuy, destaca a importancia desta infraestrutura para mellorar o tráfico, favorecer a actividade industrial e humanizar a Avenida Naturais de Fene

A conexión entre Vilar do Colo e Navantia permitiría canalizar o tráfico pesado e mellorar a mobilidade interna do concello

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Fene, onde mantivo un encontro coa alcaldesa, Sandra Permuy, e membros do equipo de goberno. A reunión centrouse en asuntos que dependen da Administración do Estado e que afectan directamente ao concello, con especial atención á necesidade de impulsar a Rolda Oeste de Fene, unha infraestrutura estratéxica que figura tanto no PXOM de Fene como no Plan de Estradas de Galiza.

O proxecto prevé unha vía de conexión entre o Polígono Industrial de Vilar do Colo, no Rego da Moa, e a entrada principal do estaleiro de Navantia Fene, permitindo acceder desde a AP-9 e a N-651 directamente até o inicio da Ponte das Pías. Trátase dunha actuación clave para resolver os actuais problemas de circulación de mercadorías de gran tamaño, que deben atravesar o casco urbano, provocando molestias ao tráfico e riscos pola presenza de infraestruturas e pasos estreitos.

“A posta en marcha da Rolda Oeste suporía unha transformación profunda para Fene, tanto desde o punto de vista da seguridade viaria como no desenvolvemento económico. É unha infraestrutura estratéxica que melloraría o acceso a Navantia, reduciría o tráfico polo centro urbano e abriría novas oportunidades industriais e loxísticas”, explicou a alcaldesa, Sandra Permuy.

A rexedora sinalou ademais que esta nova conexión permitiría acometer a medio prazo o calmado do tráfico na Avenida Naturais de Fene, convertendo a principal avenida de Fene “nun bulevar máis amable, accesible e pensado para as persoas e os negocios”.

Pola súa banda, o deputado nacionalista comprometeuse a defender no Congreso a necesidade de que o Ministerio de Transportes elabore o estudo informativo da Rolda Oeste, primeiro paso para a súa inclusión no Plan de Infraestruturas estatal.

“O BNG traballará para que o Goberno do Estado asuma este proxecto como unha prioridade estratéxica para a comarca. Falamos dunha obra que non só mellorará a mobilidade, senón que reforzará o peso industrial de Fene e de Ferrolterra no contexto galego e estatal”, afirmou Rego.

A visita serviu tamén para analizar outras cuestións relacionadas co Estado, como o mantemento de infraestruturas de titularidade estatal en Fene e o impulso de medidas que favorezan o emprego industrial na comarca.

Deja un comentario