Wednesday 05 de November de 2025

San Sadurniño apostará pola compostaxe doméstica


O Concello, que non implantará o colector marrón, inicia unha campaña de sensibilización e formación para a xestión domiciliaria do orgánico

Tamén entregará 190 composteiros, que xa se poden solicitar a través dun formulario en liña ou chamando ao Concello. Os depósitos tamén se poderán recoller -previa chamada ao Concello- nas xuntanzas informativas que hai programadas a partir da próxima semana

San Sadurniño é un dos municipios de Galicia que non implantará o denominado contedor marrón para o lixo orgánico, senón que apostará por unha solución máis sostible que require o máximo compromiso veciñal para que teña éxito. E é que o Concello irá reducindo nos próximos meses a recollida da bolsa orgánica -a fracción que máis pesa no sistema de tratamento-, ao tempo que incrementará o parque de composteiros e a formación veciñal para que, a medio prazo, todos os fogares de San Sadurniño fagan compost cos restos de comida, lavaduras e outros refugallos orgánicos. O plan -que en moitas casas xa levan anos poñendo en práctica- iniciarase cunha campaña informativa, obradoiros no CPI e a distribución de 190 composteiros de 400 litros, que xa poden solicitarse a través deste formulario en liña ou chamando ao Concello (981 490 027). As primeiras xuntanzas informativas sobre a implantación da compostaxe doméstica desenvolveranse o luns 10 ás 19:30h na Casa da Xuventude e o mércores 13 de novembro, tamén ás 19:30h, no local social do Camiño Arriba. Quen queira recoller o seu composteiro en calquera desas charlas só ten que chamar ao Concello. Outra opción é cubrir este formulario en liña.

O Concello de San Sadurniño decidiu non implantar o colector marrón para residuos orgánicos debido ás dificultades técnicas que suporía a súa xestión e ao feito de que se trata dun modelo pouco sostible desde o punto de vista ambiental, xa que obrigaría a manter o actual sistema de recollida, aínda que sexa separada, no que arredor do 40% do lixo é orgánico.

Neste contexto, e tras dar xa algúns pasos nesta dirección nos últimos anos, o Concello aposta agora con decisión pola compostaxe doméstica como unha alternativa de futuro máis eficiente e respectuosa co medio, seguindo o camiño doutros países europeos e de diversas zonas do Estado onde xa se demostrou a súa viabilidade e beneficios.

A compostaxe doméstica non deixa de ser unha versión modernizada do que se fixo toda a vida en concellos rurais coma o noso, onde as mondas, os carozos de froitas, as cascas, borras de café, as lavaduras da comida e outros restos -agora chamados “biorresiduos”- ou ben se lle daban ao porco ou ían parar ao esterco para converterse no abono de morteiros e cultivos.

O compost é precisamente iso, un fertilizante que se obtén a partir de restos orgánicos, mediante unha descomposición totalmente natural que se vai producindo pouco a pouco dentro dun pequeno depósito en condicións de humidade e temperatura máis ou menos estables. De feito, os composteiros que ten distribuído o Concello en anteriores campañas son só catro paredes de material plástico cunha tapa superior e unha abertura pola parte inferior para que os refugallos estean en contacto directo coa terra e cos microorganismos que axudan no proceso biolóxico. O composteiro tamén conta con laterais practicables que facilitan a extracción do humus ou compost resultante, de grande valor como fertilizante.

Ven ás xuntanzas informativas e leva xa o teu composteiro
Para dar o paso definitivo cara á compostaxe, San Sadurniño conta con dúas achegas por un valor total de 26.134 euros da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio climático, ao abeiro da orde para implantar a recollida separada dos biorresiduos, aceites e téxtiles. Neste sentido, o consistorio investirá 18.620 euros na compra de 190 composteiros para distribuír entre a veciñanza, ademais 25 caldeiros de orgánico e 6.000 bolsas compostables que se entregarán no edificio Villa de la Tranquilidad.

Ademais tamén levará á a cabo unha ampla campaña de sensibilización veciñal con cartelaría, accións en redes sociais, obradoiros para a rapazada da escola e charlas nas parroquias, que comezarán xa a semana que vén: o luns 10 ás 19:30h en San Sadurniño (Casa da Xuventude) e o mércores 13 á mesma hora no local social do Camiño Arriba.

Nestas charlas explicarase en que consiste a compostaxe, para a que só fai falla dispor dunha pequena parcela duns 25 metros cadrados (mellor con algo de sombra) e poñer en práctica técnicas de mantemento moi sinxelas. As persoas que teñan previsto ir a calquera destas charlas ou ás que se programarán polas demais parroquias nas semanas seguintes poderán levar xa para a casa o seu composteiro. Para iso só teñen que chamar ao Concello -981 490 027- e indicar a reunión á que van acudir. Os depósitos, de 400 litros de capacidade, veñen desmontados e ocupan moi pouco -armalos non ten ciencia ningunha- e caben perfectamente no maleteiro dun coche.

Saber o lixo que producimos, clave para mellorar o sistema
Os composteiros tamén se poden solicitar cubrindo este formulario en liña, habilitado polo Concello dentro da campaña financiada por Medio Ambiente con fondos estatais e europeos Next Generation. As peticións irán recolléndose no sistema e, posteriormente, o Concello irá atendéndoas concertando as entregas dos depósitos que incluirán -de ser necesaria- a montaxe e a explicación sobre o seu mantemento.

Neste capítulo investiranse cerca de 17.000 euros -a axuda son 12.379-, que se dedicarán tamén a unha auditoría orientada á mellora da eficiencia do sistema de recollida do lixo. Nos últimos días xa se xeolocalizaron todos os colectores do territorio e proximamente farase un estudo estatístico sobre o tipo de lixo que produce San Sadurniño e cales son as proporcións de cada unha das fraccións que se botan nos colectores. Isto permitirá contar cunha radiografía precisa da situación actual e, en base a ela, levar a cabo as accións que sexan necesarias.

Deja un comentario