A concelleira de Xuventude, María Rozas, presentou hoxe a última das actividades que impulsa o departamento ao abeiro dos Orzamentos Municipais de 2025. Trátase da “Copa Dobre Xogo”, unha iniciativa que inclúe un torneo de fútbo 5 e un torneo de futbolín e que se vai desenvolver en colaboración co Centro Xuvenil Don Bosco. A cita será os días 22 e 23 de novembro.
A “Copa Dobre Xogo” nace da que fora a segunda proposta máis votada no proceso dos Orzamentos Participativos de 2025. O torneo de fútbol 5 vaise disputar nas categorías feminina e masculina, nun único rango de idade que vai dos 16 aos 30 anos. Os equipos que queiran participar deberán estar formados por entre 8 e 12 xogadores ou xogadoras, e poderán inscribirse ata o 17 de novembro. En canto ao torneo de futbolín, será por parellas, que poderán ser masculinas, femininas ou mixtas, e poderán participar mozos e mozas de entre 16 e 30 anos. Nos dous casos repartiranse diferentes agasallos, como cheques regalo para material deportivo ou para experiencias deportivas.
Na rolda de prensa de presentación participou Alberto Escudero, do Centro Xuvenil Don Bosco, que explicou que o obxectivo é “non é organizar un torneo competitivo, senón un evento lúdico, no que ademais de deporte haberá unha zona de descanso con música e actividades paralelas”.
Para participar na actividade é preciso inscribirse no seguinte enlace: https://cxdonbosco.org/2025/10/30/copa-dobre-xogo/
Peche das actividades dos Orzamentos Participativos
A concelleira de Xuventude explicou que con esta proposta “pechamos a presentación das diferentes actividades que realizamos este ano desde o departamento de Mocidade con cargo aos Orzamentos Participativos, un proceso no que os mozos e mozas elixiron o destino de 100.000 euros do orzamento municipal”. María Rozas lembrou que ao longo do ano houbo iniciativas “que demostran a diversidade de intereses da mocidade, xa que houbo actividades musicais, cine ao aire libre, cursos de primeiros auxilios, un evento relacionado coa cultura urbana…”.
A tenenta de alcaldesa lembrou que, xunto coa “Copa Dobre Xogo”, a última actividade en celebrarse dentro dos Orzamentos Participativos será o Ecos Fest, un festival de curtametraxes e música que se celebrará no Centro Xove do 20 ao 22 de novembro.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.