Un total de 146 familias terán unha vivenda a través das cooperativas promovidas polo Concello en Perillo, Xaz e Mera. Neste momento están a totalidade dos pisos adxudicados, agás unha última vivenda dispoñible na cooperativa de Mera á que pode optar calquera veciño ou veciña dirixíndose á empresa que está a formar as cooperativas.
O Concello promoveu a constitución de 3 cooperativas de vivendas en Perillo, Xaz e Mera, mediante a venda de solo de propiedade municipal a prezos inferiores ao mercado. No caso de Xaz e Perillo todas as vivendas están adxudicadas e as obras comezarán de forma inminente. Na cooperativa de Mera, o proceso iniciouse máis tarde pola modificación de uso dos baixos para vivendas, pero tamén está previsto iniciar as obras de construción nos primeiros meses de 2026.
“Estes pisos que roldan os 215.000 euros, neste momento tal e como está o mercado, estarían entre 350.000 e 450.000 euros. Porque ademais lles reservamos sitios inmellorables: centro de Perillo, urbanización de Xaz e centro de Mera”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.
PREZOS DAS VIVENDAS
Despois das reiteradas denuncias por parte do Concello alertando da inexistencia de axudas reais e efectivas da Xunta para facilitar a adquisición de vivendas protexidas mediante cooperativas, convocáronse unhas subvencións autonómicas que acaban de ser resoltas. Así, as cooperativas de Xaz e Perillo recibirán 1.080.000 euros, minorando en 10.000 euros o desembolso a realizar para a adquisición de cada un dos pisos.
O prezo inicial de adquisición deste pisos estaba de media nos 215.000 euros (3 dormitorios). Ese importe está estipulado polos parámetros da Xunta de Galicia e varía á baixa ou a alza en función dos metros cadrados da vivenda. Con esta subvención todas as vivendas verán reducido o seu importe de adquisición en 10.000 euros. En ningún caso, nin antes das subvencións, o custo dos pisos protexidos era de 300.000 euros, como afirmaba algún grupo político da oposición.
NOVAS COOPERATIVAS
Nas próximas semanas o Concello sacará á venda máis solo, tamén a prezos inferiores de mercado, para a construción de máis vivendas protexidas. Serán na capital do municipio, no centro de Oleiros. Unha vez adxudicadas, informarase debidamente de todo o proceso de inscrición para aquelas posibles persoas interesadas.
“É unha política única, que non fai ninguén a nivel municipal en Galicia, que a facemos nós porque aínda que non temos competencias vemos o problema que hai e que nin Xunta nin Estado, que son os que tiñan que actuar, na práctica non fan case nada”, dixo o alcalde.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.