Tuesday 04 de November de 2025

O Museo do Humor Xaquín Marín entrega este venres os Premios Curuxa 2025


O mesmo día comeza o ciclo de monólogos Novembro, mes do humor no que tomarán parte Oswaldo Digón, Patty Diphusa, Roi da Costa e Isabel Risco

Coa entrega dos premios Curuxa do Humor 2025, o Museo do Humor Xaquín Marín dá o pistoletazo de saída este venres, 7 de novembro, ás actividades que organiza anualmente ao redor do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes David Vela, Pablo Prado, Andrés Chinchilla e David García Vivancos recibirán os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, os representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.

O xurado do XXIX Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, reunido o pasado 11 de xullo nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín, acordou por maioría outorgar a David Vela Cervera o 1º premio Curuxa e a Pablo Prado Fernández o 2º premio Curuxa; a Andrés Chinchilla Argibay o premio Curuxa Nova e a David García Vivancos o premio da categoría Caricatura. Ademais, recibiron mención de honra no certame Nuria Hernández Pintor (categoría Curuxa), Lucía Rodríguez Cid (categoría Curuxa Nova) e Iván Mata Tamayo e Asier Sanz (categoría Caricatura).

O gañador do 1º Premio Curuxa 2025, David Vela Cervera presentou ao certame un debuxo titulado Perplejidad. O xurado valorou desta obra “o dominio que ten da disciplina do humor gráfico máis difícil que é a de facer humor sen palabras”. Tamén salientou o “dominio da técnica e que ten un estilo moi definido e moi profesional”.

Nesta edición, o 2º Premio Curuxa foi para Pablo Prado Fernández pola obra titulada Homo In-móbilis da que salientou o xurado “a narrativa humorística muda, o estilo fresco e moderno e o emprego do claroescuro”. Tamén valorou “a crítica social e a resolución da historia coa morte do móbil”.

O 1º Premio Curuxa Nova foi nesta edición para Andrés Chinchilla Argibay polo debuxo titulado Pombas. Na súa análise, o xurado valorou “o estilo moi característico da obra que rima coa toxicidade que pretende transmitir a través da crítica e da denuncia social” Tamén salientou “o estilo, moi maduro, e o emprego da cor. E que trata un tema atemporal”

Por último, recibe o Premio na categoría Caricatura o traballo presentado co título Cañita Brava, de David García Vivancos. O xurado valorou “que está feito por unha persoa que ten visión de caricaturista”. Tamén salientou “o estudo da personaxe e que conseguiu reflexar perfectamente a expresión do caricaturizado a través dunha simplificación que fai que a caricatura teña moito valor”

Segundo informa a Concellería de Cultura de Fene, os premios para os gañadores dos Premios Curuxa consistirán nun diploma e nunha gratificación económica que ascende a 2000 € para o gañador do primeiro premio Curuxa; 1000 € para o gañador do segundo premio Curuxa; 1500€ para o gañador na categoría de Caricatura; e 500 € para o do primeiro premio Curuxa Nova .

O xurado dos Premios Curuxa 2025 estivo formado polo humorista gráfico David Pintor (Pinto&Chinto) e polos gañadores da Curuxa´24, Adrián Dopico, e da Curuxa Nova´24, Lucas Sixto Carballeira. E completouse coa alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e a responsable do museo fenés, Almudena Marcos (que actuou en calidade de secretaria do concurso).

NOVEMBRO, MES DO HUMOR

O acto de entrega dos Premios Curuxa 2025 coincidirá este venres, 7 de novembro, co comezo do ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” que inclúe, como en edicións anteriores, catro espectáculos para público adulto, os venres do mes de novembro ás 20.00 horas. A entrada, tanto para a entrega dos Premios Curuxa como para os monólogos, será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) cada venres, o mesmo día da función, a partir das 19 horas. Aforo limitado.

A primeira actuación do “Novembro, mes do humor” correrá a cargo do monologuista Oswaldo Digón cun espectáculo titulado “In-certo”. Na segunda sesión, prevista para o venres 14 de novembro, actuará a humorista Patty Diphusa, presentando “Sexo seguro. Seguro? Seguro!” e na terceira, o 21 de novembro, subirá ao escenario da Casa da Cultura de Fene Roi da Costa con “A miña vida sendo outro”. O ciclo pechará o venres 28 de novembro cun monólogo a cargo de Isabel Risco, titulado “Nabiza girl II”.

Deja un comentario