— A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a actuación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
— A nova instalación contará con cinco cabanas de madeira dedicadas a aloxamento nunha superficie de máis de 5.200 m2
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental condicionado ao proxecto para implantar un campamento de turismo na parroquia de Morás, no concello de Arteixo, concretamente, nunha parcela cunha superficie total de máis de 5.200 m2.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados deste proxecto, sempre e cando se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución da Xunta.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que se someteu a consultas por parte dun total de nove organismos interesados.
Froito desas consultas, foron establecidos algúns condicionantes que se recollen na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. O informe de impacto ambiental marca tamén o contido que deberá ter o programa de vixilancia e seguimento ambiental, que terá que elaborar o promotor do proxecto.
Así, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha cumprindo certos requisitos establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, das augas e leitos fluviais, do solo e as infraestruturas, da xestión de residuos, da integración paisaxística e restauración, así como do patrimonio natural e cultural.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, a Consellería daralle publicidade ao seu contido a través do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e da súa posta á disposición a través da páxina web da Consellería. Ademais, remitirase ao órgano substantivo, que neste caso é a Axencia Turismo de Galicia.
Características do proxecto
O obxecto do proxecto é a instalación dun campamento de turismo nunha parcela de preto de 16.000 m2, dos que 5.210 m2 se destinarán ao desenvolvemento da actividade. O campamento estará composto por cinco cabanas estables de madeira dedicadas a aloxamento, ademais dunha cabana destinada a recepción e servizos. O proxecto inclúe vías interiores, así como zonas verdes e de aparcadoiro.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.