Tuesday 04 de November de 2025

O Concello de Carballo convoca os I Premios do Deporte, que serán entregados nunha gala programada para o 19 de decembro


O Concello de Carballo publica os I Premios do Deporte, cos que pretendemos recoñecer as persoas e entidades destacadas polos seus logros deportivos e polo seu labor no fomento e na promoción da actividade física e o deporte no ámbito local.

Establécense nove premios nas seguintes categorías e a posibilidade de mencións especiais e galardóns xerais:

Mellor deportista carballesa, á actuación deportiva máis distinguida en calquera ámbito (autonómico, nacional, internacional).
Mellor deportista carballés, á actuación deportiva máis distinguida en calquera ámbito (autonómico, nacional, internacional).
Mellor deportista promesa carballesa, á deportista de categorías base que máis se distinguira pola súa progresión e actuación deportiva en calquera ámbito.
Mellor deportista promesa carballés, ao deportista de categorías base que máis se distinguira pola súa progresión e actuación deportiva en calquera ámbito.
Premio “Pedras Brancas” ao equipo ou entidade que máis se distinguira pola súa actuación deportivo-competitiva en calquera ámbito.
Premio “Carballo Deporte” á entidade con maior distinción na especial contribución a tarefas de fomento do deporte e/ou organización de actividades deportivas.
Premio “Arsenio Iglesias” ao mellor adestradora/adestrador carballesa/carballés. Actuación deportiva máis distinguida en calquera ámbito (autonómico, nacional, internacional).
Premio “Luís Calvo Sanz”, á institución, entidade, etc. coa actuación máis distintiva na colaboración co deporte carballés.
Premio “Vida dedicada ao deporte”, ao deportista, técnica/o, directiva/o xa retirado da súa actividade deportiva principal cunha traxectoria transcendente no eido deportivo local.
Os galardóns serán entregados nunha gala que se celebrará o venres 19 de decembro, a partir das 20.00 horas, no auditorio do Pazo da Cultura. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto desde o 3 ata o 21 de novembro, con excepción das que presenten os membros do xurado, integrado polos membros do Consello Deportivo Municipal, que poderán facelo ata o día da xuntanza para a deliberación.

Máis información e formulario de inscrición de candidaturas, nos documentos anexos.

Deja un comentario