A participación é totalmente de balde, previa inscrición en Bandoticket, e a “entrada” será un produto de hixiene ou limpeza por persoa
O polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra acollerá este sábado 8 de novembro, de 17:00 a 19:00 horas, un Magosto Solidario coa Cruz Vermella organizado polo Concello de Lousame. Un evento que foi presentado esta mañá polo alcalde de Lousame, Esteban Ares García, quen estivo acompañado polas concelleiras de Cultura, Silvia Agrafojo; e Deportes, Mariel Agrafojo; así como por Loreto Rodríguez Coro, representante da Cruz Vermella de Noia; e os técnicos municipais de Cultura, Eduardo Agraso e Teresa Baluja; e Deportes, Germán Romero.
Esteban Ares destacou a importancia de recuperar unha actividade que non se desenvolvía dende a pandemia e que “consideramos que é moi bonita e moi demandada pola veciñanza. Ademais, este ano quixemos darlle un enfoque solidario, para que non sexa unicamente un momento de reunión”. Neste sentido, adianta que “este magosto solidario vai ser o punto de inicio dunha serie de colaboracións e doutros actos solidarios que faremos no próximo futuro e no que colaboraremos con outras asociacións”. Por iso, Ares García fixo un chamamento á veciñanza para que “veña, colabore e desfrute destas actividades porque son para eles, como veciños de Lousame. Temos que poñelas en valor e aproveitalas para completar o aforo pois hai unha boa causa detrás”.
Pola súa banda, Silvia Agrafojo destacou que a festa do sábado “ofrece máis ca un magosto, haberá tamén música, xogos populares, chocolate con churros e ademais cun compoñente solidario coa Cruz Vermella”. A concelleira agradeceu o traballo dos traballadores municipais de distintos Departamentos (Cultura, Voluntariado, Deportes, Obras…), do voluntariado de Lousame, Protección Civil, voluntariado europeo e da asociación cultural O Son do Pote, que porá a nota musical á xornada. Ademais, puxo en valor a gran colaboración entre os distintos departamentos municipais e o voluntariado “para que un pequeno Concello como é Lousame poida desenvolver estas actividades”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.