· As actividades son gratuítas e levaranse a cabo ata o domingo, 9 de novembro.
As Xornadas Micolóxicas da Pobra do Caramiñal chegarán, este ano, á súa novena edición. Farano cunha programación completa que arrincou co lanzamento do Concurso Fotográfico de Micoloxía e que se prolongará ata este domingo, 9 de novembro. Como avanzou, esta mañá, o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, a programación desta convocatoria incluirá obradoiros, conferencias a cargo de expertos, exposición de cogomelos, saídas ao campo e degustacións gastronómicas. “É dicir, volvemos contar cunha oferta completa, dando a coñecer o aproveitamento deste recurso natural típico do outono en Galicia, pero tamén sensibilizando sobre a necesidade de conservar os nosos bosques nas mellores condicións posibles”.
A primeira actividade da semana terá lugar este mércores, 5 de novembro, cos talleres micófilos nos CEP Salustiano Rey Eiras e no CEP Pilar Maestú Sierra a cargo de asociación medioambiental Amabul. O venres, día 7, terá lugar a charla Ven coñecer o xénero russula, por se che pica a curiosidade, que correrá a cargo de José María Traba Velay. Será ás 20.30 horas no auditorio da Biblioteca Municipal.
O calendario de actividades continuará o sábado, día 8. Por unha banda, o mercado da Praza de Abastos acollerá unha exposición na que se amosará ao público numerosos exemplares de cogomelos. Pola outra, o local da Confraría de Pescadores da Pobra será o recinto onde se realicen os obradoiros micófilos Cultivo de Pleurotus. Estas sesións celebraranse en diferentes franxas horarias en función do público destinatario. A primeira será para rapazada ata 12 anos, e celebrarase de 11.00 a 13.00 horas. A segunda está dirixida a persoas adultas e farase de 17.00 a 19.00 horas. Ambas sesións estarán impartidas por persoal especializado de MycoGalicia Plantae.
O domingo, día 9, as Xornadas Micolóxicas chegarán ao seu fin cunha completa oferta de propostas. Ás 10.00 horas farase unha saída ao campo e ás 13.00 horas o mercado da Praza de Abastos albergará unha mostra dos cogomelos recollidos durante a excursión. O recinto servirá, ademais, para entregar os premios do IX Concurso Fotográfico de Micoloxía. A xornada concluirá ás 14.00 horas cunha degustación gastronómica a cargo do chef do restaurante A Horta do Obradoiro, Kike Piñeiro.
Todas as iniciativas son de carácter gratuíto, pero algunhas delas requiren de inscrición previa. É o caso dos obradoiros micófilos do sábado e da saída ao campo e degustación gastronómica do domingo (neste último caso, terán preferencia as persoas que xa participaran na saída). Os veciños e veciñas interesados poden anotarse no correo apobra.micoloxia@gmail.com.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.