O Concello de Ribeira revalidou por cuarta vez consecutiva a distinción
O paseo marítimo de Coroso conta novamente coa Bandeira Verde de Galicia ondeando no areal. Trátase dun recoñecemento que outorga por cuarto ano consecutivo a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ao Concello de Ribeira polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe. A alcaldesa, María Sampedro, xunto cos concelleiros Víctor Reiriz, Vicente Mariño e Ana Barreiro, participaron izaron hoxe a bandeira.
Este recoñecemento fundaméntase en dez proxectos que versan sobre a ordenación do territorio; a protección do medio ambiente e da paisaxe; o cambio climático e a eficiencia enerxética; a xestión responsable dos residuos; e accións de sensibilización e comunicación.
A rexedora manifestou que o Concello de Ribeira xa leva máis dunha década traballando na planificación estratéxica, así como na sustentabilidade e a protección do patrimonio local, consolidándose xa con resultados no 2022; ano dende o cal “levamos sendo merecedor desta distinción. Somos un Concello que camiña cara políticas verdes, de protección do medio.” A isto engadiu que se traballará para que a praia de Coroso recupere no verán a Bandeira Azul, dando cumprimento a unha serie de requisitos que reforcen os atributos deste areal urbano. “Cremos que debemos seguir potenciando tódalas calidades e tódalas bonanzas que ten esta praia, polo que non escatimaremos en apoio municipal para que esta praia siga sendo un referente en materia turística”, remarcou.
Últimos proxectos acometidos
Os dez proxectos polos que o Concello de Ribeira recibiu a Bandeira Verde de Galicia neste 2025 versan sobre distintos ámbitos. Un deles foi a instalación de paneis fotovoltaicos en catro instalacións municipais: o complexo deportivo da Fieiteira, o Auditorio, a Unidade de Condutas Aditivas (UCA) e o mercado. Isto posibilita reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro apostando polas enerxías renovables.
A cidade tamén conta con dous aseos autolimpiables en áreas concorridas como son a carón do paseo marítimo do Touro e no parque da zona das Abesadas.
Estes módulos ofrecen un servizo accesible a cidadanía e visitantes, ademais de xestionar de maneira eficiente os residuos.
Cómpre destacar a redacción do proxecto da posta en valor sostible da fábrica de salgadura do Touro, coa que recuperar as ruínas existentes dunha antiga edificación nas inmediacións da praia de Area Secada, ao mesmo tempo que se incrementa a calidade paisaxística da contorna.
Así mesmo, implantáronse 159 composteiros individuais en vivendas do rural que contan con parcela, impartindo formación ás persoas participantes. Deste xeito, redúcese o peso da fracción resto no contedor xenérico e fortalécense as tres R: reducir, reutilizar e reciclar.
En canto a eliminación de especies exóticas invasoras, púxose o foco no control e erradicación da cortaderiaselloana, coñecida comunmente como herba da pampa. Preténdese así deter e reverter a perda de biodiversidade.
Finalmente, tamén se realizaron dous talleres de concienciación como, por exemplo, a campaña sobre a reciclaxe sostible desenvolvida durante o Nadal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.