Tuesday 04 de November de 2025

A Xunta impulsa máis de 60 actividades para celebrar o “Mes da ciencia en galego” nas bibliotecas


— Ao longo de novembro organízanse obradoiros, exposicións, contacontos, conferencias e experimentos dirixidos a todas as idades

— O servizo de ‘A Furgoteca’ súmase por vez primeira a este festexo cunha vintena de obradoiros polos 30 concellos de Lugo e Ourense polo que transcorre a súa ruta

— Os centros educativos tamén acollen iniciativas variadas para sensibilizar os máis cativos no uso do noso idioma nesta disciplina

A Xunta artellará máis de 60 actividades durante todo novembro para celebrar o Mes da ciencia en galego na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como nas dos centros educativos. Así o anunciou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na presentación da programación que ten como obxecto “tirar proveito destas centrais de coñecemento para derrubar clixés con respecto á divulgación científica e o emprego da nosa lingua nestas disciplinas”.
Na presentación na Biblioteca Pública Ánxel Casal, o representante do Goberno galego puxo en valor estas actividades que “apostan por experimentar e divertirse entre os andeis das nosas bibliotecas rachando cos falsos estereotipos ao redor dos contidos científicos”. Nesta mesma liña, salientou que a través de obradoiros prácticos e de lectura “procúrase demostrar como o galego é unha ferramenta totalmente válida para esta disciplina”.
En canto á edición deste ano, o director xeral de Cultura destacou como principal novidade a incorporación do servizo de A Furgoteca á programación que se desenvolverá tamén na Biblioteca de Galicia e na Ánxel Casal, en Santiago de Compostela; na Miguel González Garcés, na Coruña; na de Lugo; na Nós, en Ourense; na Antonio Odriozola, en Pontevedra, e na Juan Compañel, en Vigo.

Deste xeito, explicou que os habitantes e tamén colexios dos 30 concellos do rural das provincias Lugo e Ourense que A Furgoteca percorre na súa ruta gozarán este mes dunha vintena de actividades que abrangue experimentos científicos, obradoiros de creación de robots ou de refugallos xunto con outros que afondarán na física, na alquimia moderna ou na astroloxía, “con gran parte deles facendo fincapé no papel de mulleres da ciencia pioneiras”, precisou. Este programa, xunto co resto das accións do Mes da ciencia en galego que acollerán as sete bibliotecas públicas da Xunta, pode consultarse nas súas respectivas páxinas web e na axenda de cultura.gal

Bibliotecas escolares
Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo fixo fincapé no papel que desempeñan as bibliotecas no seu día a día “cunha divulgación da ciencia a través dos libros e dos recursos en galego que están á disposición dos lectores”. Ademais, incidiu na necesidade de trasladar este coñecemento á cativada a través dos centros educativos, “tal e como facemos todos os meses de novembro desde 2014”, lembrou.
Deste xeito, para levar a cabo todas estas citas, o Goberno galego impulsa a colaboración entre os equipos de dinamización lingüística e as bibliotecas escolares. Polo tanto, ao abeiro desta programación, os centros educativos de primaria e secundaria contarán ao longo deste mes con iniciativas como publicacións, conferencias, exposicións de proxectos, xogos interactivos, podcast ou concursos para incentivar o traballo en equipo e para que os estudantes teñan a oportunidade de interactuar con estes conceptos e coa tecnoloxía.
Cómpre destacar que o manifesto da edición deste ano do Mes da ciencia en galego ten a autoría de Concepción Paz Penín, enxeñeira industrial, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo, na que actualmente dirixe o Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos.

Deja un comentario