Tuesday 04 de November de 2025

O Concello activa hoxe o prazo para que os nedenses se apunten á “Merenda de Nadal da terceira idade”


O Concello de Neda comeza cos preparativos da súa programación especial do Nadal. A partir de hoxe, e ata o 28 de novembro, os maiores do municipio poderán inscribirse para participar na tradicional merenda da terceira idade, unha das xa clásicas citas desas festas.
A proposta, que terá lugar a tarde do 19 de decembro no centro cívico da vila, busca xuntar aos veciños e veciñas máis veteranos da localidade e animalos a saír da casa nunhas datas que, para moitos, son sinónimo de melancolía.
Como sucedera nos últimos anos, ademais da merenda, cun bo chocolate con churros e con roscón de Reis, no encontro haberá tempo para o baile, con música en directo, e para o sorteo de agasallos.
A actividade será de balde para os residentes da localidade, que terán que apuntarse nas oficinas de Servizos Sociais do Concello. As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición. No caso de que queden vacantes, abrirase en decembro un novo prazo de inscrición para que se poida sumarse xente doutras localidades, abonando 5 euros.

Deja un comentario