Desenvolverase en Lamas o domingo 16 e as inscricións están abertas até o día 11
O próximo 20 de novembro celébrase o Día Internacional dos Dereitos da Infancia, como data na que se lembra a aprobación por parte da ONU do articulado que defende os dereitos das nenas e nenos, reforzado en 1989 coa Convención sobre os Dereitos da Infancia. En San Sadurniño a celebración terá lugar en Lamas o día 16, cun obradoiro creativo organizado polo Concello en colaboración coa Asociación Cultural Brío e a ANPA do CPI San Sadurniño. A actividade, dirixida a crianzas a partir dos tres anos, convida a reflexionar de maneira lúdica sobre os dereitos e obrigas da infancia, combinando contos, diálogo e pintura de camisetas. As inscricións están abertas até o día 11 no correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou contactando con calquera das dúas entidades coorganizadoras. A celebracíon do Día Internacional da Infancia completarase con actividades na EIM A Rolada e coa iluminación en azul da Casa do Concello.
O obradoiro, titulado “Pintamos os nosos dereitos”, desenvolverase no local social de Lamas o domingo 16 de novembro a partir das 11:30h. Segundo destacan desde os departamentos de Igualdade e Educación, nel reflexionarase coas nenas e nenos “sobre os dereitos que lles corresponden, o que custa acadalos e o doado que pode ser perdelos, como estamos a ver no caso do servizo de pediatría no Centro de Saúde, o transporte na comarca… pero tamén repasaremos obrigas que teñen asociadas e por que é importante cumprilas e ser responsables”.
A actividade está dirixida a crianzas a partir dos 3 anos en adiante e comezará familiarizando á rapazada cos seus dereitos mediante un pequeno conto e un faladoiro adaptado ás súas idades.
Porén, o núcleo da actividade será pintar unhas camisetas que estarán marcadas coa frase “Contamos coa túa man para defender os nosos dereitos”, que as pequenas e pequenos repasarán con pintura azul, por ser esta a cor deste día, e estamparán as súas mans en distintas cores.
Unha vez estampadas, as familias levarán as prendas para deixalas secar e pasarlles o ferro (é necesario para que se fixe a pintura). A idea é que o día 20 as nenas e nenos leven as camisetas á escola para penduralas nun espazo ben visible do centro educativo e que ao remate da xornada volvan con elas para a casa, aínda que este detalle está pendente de coordinarse coa dirección do CPI.
O número de prazas no obradoiro do día 16 é limitado e as inscricións poderán facerse ata o martes 11 de novembro contactando coa asociación Brío, a ANPA ou enviándolle un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal. Tamén se pode chamar ou mandar un whatsapp ao 695 876 178.
Pola súa parte, na EIM A Rolada conmemorarán o Día Internacional da Infancia cun panel fotográfico para posar que estará deseñado como unha páxina de banda deseñada. Os bocadillos dos diálogos serán frases relacionadas cos dereitos da rapazada. Ademais, todas e todos irán ese día en pixama á escola infantil, xa que A Rolada tamén participa na campaña “Ao cole en pixama” promovida pola Asociación Estatal de Acollemento Familiar como maneira de fomentar a acollida de nenos, nenas e adolescentes que por distintas razóns tiveron que separarse das súas familias de orixe.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.