Friday 22 de November de 2024

A Concellaría de Acción Cultural pon en marcha as subvencións de apoio a actividades culturais para este 2016


A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá as bases reguladoras da convocatoria aberta de subvencións a actividades culturais no 2016, tanto en metálico como en especie. O venres 15 de abril haberá unha xuntanza aberta a todas as persoas do sector que queiran aclarar calquera tipo de dúbida arredor desta convocatoria. Será ás 12:30 horas na Sala Circular do Auditorio de Galicia.

Está é a terceira convocatoria deste tipo que pon en marcha a Concellaría de Acción Cultural, que resolveu adxudicar ata o momento un total de 111.000 euros do seu orzamento en convocatorias abertas e con proxectos seleccionados por unha comisión avaliadora. Antes das actividades culturais fíxose o mesmo coas intervencións artísticas da Zona “C” e cos espectáculos de artes escénicas do programa didáctico.

Con estas subvencións, Acción Cultural quere contribuír á recuperación da vitalidade da cidade mediante a identificación e promoción de iniciativas que xorden do tecido cultural de Compostela, e fomentar o seu desenvolvemento autónomo e consolidación. A convocatoria tenta favorecer a diversificación de propostas e potenciar novos ámbitos de creación artística e o diálogo entre tradición e vangarda; promocionar espazos que acollan as actividades e integrar nestas á Rede de Centros Socioculturais; e potenciar novos usos doutros ámbitos privados e públicos como parques, prazas, rúas, mercados, bibliotecas, centros escolares, etc. Ademais, a convocatoria persigue a remuneración xusta do traballo dos axentes creativos e culturais, tendo en conta a situación de precariedade do tecido cultural.

Características e prazo de presentación
As actividades subvencionables teñen que desenvolverse no municipio compostelán entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro deste ano e ser economicamente viables. A cantidade subvencionada para cada actividade non superará en ningún caso o 90% do seu orzamento e poderá ser dun máximo de 10.000 euros. Poderán presentarse actividades das seguintes modalidades: festivais e ciclos de programación, programas artísticos no espazo público, programas artísticos nos espazos culturais municipais, obradoiros e calquera outra proposta dirixida a diversificar a oferta cultural nas súas diversas manifestacións.

As solicitudes poden presentarse do 10 ao 30 de abril enviando cuberto o modelo que aparece nas bases por correo postal ao Auditorio de Galicia ou por e-mail a info@auditoriodegalicia.org. No caso de que a modalidade solicitada sexa para programas artísticos nos equipamentos culturais, o prazo de presentación permanecerá aberto ata o 30 de novembro

Comisión avaliadora e criterios
Para a concesión das axudas, que será en réxime de concorrencia competitiva, reunirase unha comisión avaliadora formada polo director ou directora xerente do Auditorio de Galicia, como presidente; tres técnicos da área de Acción Cultural do Concello nomeados pola concelleira; e tres representantes so sector cultural da cidade nomeados pola asociación de profesionais do sector. Ademais, estará o secretario da comisión, que será un funcionario municipal nomeado pola concelleira, con voz pero sen voto.

Os criterios de avaliación serán:

– A calidade artística e técnica da actividade e a coherencia co orzamento presentado, ata 20 puntos.
– A innovación temática e a orixinalidade da proposta, ata 20 puntos.
– A inexistencia de actividades semellantes no ámbito ao que dirixe, ata 10 puntos.
– A traxectoria profesional dos solicitantes, a repercusión e interese cultural doutros proxectos anteriormente xestionados, ata 10 puntos.
– Número de edicións cumpridas da proposta e o seus arraigo social, ata 10 puntos.
– A orientación da proposta presentada cara a xeración de retorno social (creación de novos públicos, equilibrio territorial na oferta cultural, valores de igualdade de xénero, aposta pedagóxica e posta en valor do patrimonio material e inmaterial), ata 10 puntos.

Tras a resolución da Comisión Avaliadora será a Comisión Executiva do Auditorio de Galicia, a proposta da concelleira de Acción Cultural, a que ditará resolución no prazo máximo de tres meses dende o remate do prazo de presentación. Será unha resolución motivada. A relación e beneficiarios e o importe de axudas concedidas serán publicados na sede da Oficina Virtual do Auditorio de Galicia.