Sunday 02 de November de 2025

O Pleno aproba a proposta socialista para garantir a accesibilidade en todas as actuacións municipais


A medida dá continuidade ás actuacións impulsadas polo anterior goberno socialista e establecerá puntos de control desde o deseño ata o mantemento das obras municipais para asegurar o cumprimento da normativa de accesibilidade.

O Pleno do Concello de Santiago aprobou esta semana a proposición presentada polo Grupo Municipal Socialista para poñer en marcha un sistema municipal preceptivo de verificación da accesibilidade en todas as intervencións que se leven a cabo nos espazos públicos da cidade. A medida afectará a actuacións en beirarrúas, pasos de peóns, prazas, zonas verdes e parques, co obxectivo de garantir que calquera persoa poida moverse con autonomía e seguridade.

Segundo explicou a concelleira socialista Marta Abal, «agora damos un paso máis con este acordo plenario, Santiago contará cun sistema estable e sinxelo que garantirá que todas as intervencións municipais no espazo público cumpran coa normativa de accesibilidade».

Abal lembrou que na lexislatura pasada o goberno socialista impulsara “un proxecto de mellora da accesibilidade reservado a centros especiais de emprego e empresas de inserción, que permitiu executar 29 actuacións en diferentes puntos da cidade”.

A concelleira destacou que o novo sistema incluirá «puntos de control en todas as fases, desde o deseño e a execución ata a recepción e o mantemento, e coa participación das entidades que representan ás persoas con discapacidade». O obxectivo é detectar e corrixir anticipadamente deficiencias que poidan afectar á mobilidade e á autonomía das persoas.

«Este sistema permitirá evitar pequenos erros que afectan á autonomía, como desniveis inadecuados, anchos de paso insuficientes, bandas táctiles mal colocadas ou tempos semafóricos inadaptados», engadiu Abal. A medida, sinalou, beneficiará non só ás persoas con discapacidade, senón tamén ás persoas maiores, ás familias con carriños e, en xeral, a toda a cidadanía.

«Con esta medida, Santiago dá un paso importante cara a unha cidade máis accesible, máis amable e máis xusta para todas e todos», concluíu.

Deja un comentario