Saturday 01 de November de 2025

O público ribeirense introdúcese no universo felino da man da escritora Ánxela Gracián


 A presentación celebrouse no Centro Cultural Lustres Rivas

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou hoxe na presentación do libro Honorata e a casa das palabras gardadas, de Ánxela Gracián, cuxo contido foi desvelado ao público nun acto celebrado no Centro Cultural Lustres Rivas que tamén contou coa asistencia do escritor, Antonio Piñeiro, e da profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Marta Neira, arroupando á autora e tradutora infantil.

Nesta obra, Gracián convida a facer unha viaxe polo mundo felino a través de 152 páxinas, facendo tamén énfase na importancia dos libros como unha ferramenta para que narrado perdure no tempo; un canto á amizade, á igualdade e ao respecto pola diferenza, como ben precisou Marta Neira, para quen isto se exemplifica nos numerosos gatos que xeran un vínculo e, chegado o momento, acaban nunha casa onde os ratos lles contarán relatos.

Precisamente, nesta liña tamén se pronunciou a rexedora, quen incidiu na importancia de trasladar estes valores aos máis pequenos. “A literatura permítenos viaxar traspasando os límites marcados polo tempo e o espazo para vivir historias reais ou ficticias. E isto adquire maior significado cando falamos dos nenos. É importante, polo tanto, que teñamos unha produción literaria fecunda en canto a cantidade, pero, sobre todo, en canto a calidade, para así incentivar tamén o hábito da lectura entre os máis pequenos”, manifestou. A mandataria local mencionou que neste libro constátase que “os escritores, dalgún xeito, falan de si mesmos nas súas creacións, pois só é posible falar daquilo que nos resulta coñecido, próximo, familiar, para captar a atención do lector e poder mergullalo na historia. Así que, as páxinas non só nos trasladan a mensaxe da obra, tamén parte da esencia de quen a crea.”

O escritor e editor de Bourel, Antonio Piñeiro, exerceu como presentador e fixo un repaso pola ampla traxectoria da autora, con especial énfase na narrativa e na poesía. Así mesmo, fixo fincapé na dificultade de escribir para nenos, de adaptar a linguaxe e o contido do imaxinario dos adultos para levalo ao universo infantil. De feito, el mesmo tivo varios intentos de relatos para este público sen que chegasen a frutificar.

A propia Gracián falou da forte presenza dos felinos nos relatos e vidas de numerosos escritores como Borges ou Fina Casalderrey; esta última é un referente no panorama literario infantil de Galicia, quen ten como un dos seus máximos expoñentes O misterio dos fillos de Lúa. Neste senso, na publicación de Ánxela Gracián atópase representado o concepto da metaliteratura e un canto á paixón pola palabra.

Deja un comentario