A directora xeral de Patrimonio Natural, María Sol Díaz Mouteira, púxose en contacto esta mesma mañá co alcalde de Carballo, Daniel Pérez López, para informalo sobre a intervención que se realizará nos próximos días en Baldaio coa finalidade de recuperar a conexión directa entre a lagoa e o mar.
O alcalde solicitara a mediados de outubro unha xuntanza coas consellerías de Mar e Medio Ambiente para intentar desbloquear unha intervención que poña freo á acumulación de area na ría, dados os problemas que a situación actual, que se prolonga desde hai xa catro meses, está causando no sector marisqueiro, pero tamén á veciñanza da zona e ao propio ecosistema do espazo natural.
Dous días despois da solicitude desa reunión houbo unha primeira toma de contacto entre a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e o Concello de Carballo, e o xoves pasado desprazáronse ata Baldaio técnicos dese departamento autonómico, aos que acompañaron tamén os concelleiros Luis Lamas e Miguel Vales.
A intervención prevista será semellante ás realizadas ata o momento, e consistirá basicamente en abrir un pequeno canal para facilitar a acción do mar e que se recupere o intercambio de auga doce e salgada. A intención de Patrimonio Natural, segundo lle confirmou a directora xeral ao alcalde, é actuar o antes posible. Daniel Pérez trasladoulle a información ao presidente dos mariscadores.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.