Saturday 01 de November de 2025

Gonzalo Muíños insta ao executivo de Sanmartín a desbloquear 12 novas prazas de bombeiros pendentes de 2023 e 2024


• O Concello ten pendente publicar as bases para 3 prazas de bombeiros do 2023 e outras 9 do 2024

• Muíños estivo este venres no Parque de Bombeiros para “coñecer de primeira man a situación e compartir a preocupación cos profesionais do servizo pola situación actual”

O Parque de Bombeiros de Santiago volverá estar esta fin de semana baixo mínimos. Durante todo o venres foron só catro os profesionais que se fixeron cargo do servizo e a previsión é que durante sábado e domingo as quendas estean conformadas por só seis ou sete bombeiros. Así o informou este venres Gonzalo Muíños, logo de achegarse ás instalacións do parque para coñecer de primeira man a situación “e compartir a preocupación dos profesionais pola situación actual do servizo”.

O concelleiro non adscrito amosouse moi crítico coa escasa dotación do parque fronte os nove profesionais que suporían o “mínimo esixible por quenda” e o reforzo ata os trece bombeiros que adoitaban operar por turno durante as semanas de inverno: “estamos nunha tempada con moitas alertas meteorolóxicas que requiren de varias saídas diarias, houbo días nos que se chegou ás 100 intervencións e, con esta plantilla, sería inviable”.

Muíños, que fora responsable do servizo de Bombeiros durante o pasado mandato, sinala novamente os impagos das horas extras que, lembra, xa reclamara axilizar no mes de setembro: “vimos moito tempo advertindo que as horas extra dos bombeiros e da policía local son fundamentais e case estruturais para garantir a prestación do servizo” critica.

Ademais de axilizar os pagos pendentes, o concelleiro non adscrito reclama ao goberno local o desbloqueo de 12 novas prazas para o parque de bombeiros. Lembra que se trata de 12 prazas previstas desde o 2023 e o 2024, 3 e 9 respectivamente, e que “suporían un reforzo na plantilla fundamental para blindar o servizo”.

Deja un comentario