Saturday 01 de November de 2025

Mila Castro critica o estudo encargado por Sanmartín para a xestión da auga: “decepcionante e sen conclusión clara nin viable”


• A concelleira non adscrita denuncia que a empresa mixta que defende o goberno local propón un horizonte temporal de 20 anos para solucionar algunhas das eivas da rede de saneamento e abastecemento de Santiago

• Advirte que o Concello de Santiago, debido a que se atopa sometido a un Plan Económico Financeiro, “legalmente non poderá constituír ningunha empresa mixta ata, cando menos, o 2027”

De “decepcionante” cualificou este Mila Castro o estudo presentado polo goberno local para a xestión do ciclo integral da auga. A concelleira non adscrita, que participou na reunión da Comisión de Estudo sobre o modelo de xestión celebrada este venres en Raxoi sinala que o documento “non conclúe en ningunha fórmula de xestión” xa que, segundo indica o propio texto na parte de proposta operativa “non existen argumentos obxectivos para asumir de abstracto a superioridade dalgunha fórmula de xestión sobre outra”. Ademais, Castro centra a crítica nos prazos e na imposibilidade legal que, na actualidade ten o Concello de Santiago para poder crear unha empresa mixta como propón o goberno local.

“O estudo só recomenda e propón, sen estudar a viabilidade económica no tempo da fórmula da empresa mixta e sen detallar a porcentaxe de capital que debería ter o Concello” critica Castro. A concelleira non adscrita que, xunto a Mercedes Rosón, participou na comisión de estudo, puxo o foco en que tanto os poñentes do informe como o propio texto “aseguran non poder concluír que a empresa mixta sexa sostible economicamente nin que sexa a xestión máis óptima”.

Imposibilidade para crear unha empresa mixta

A reunión da Comisión de Estudo para o Ciclo Integral da Auga rematou antes do esperado xa que a previsión é que nunha primeira parte os poñentes presentaran o documento e, nunha segunda, se realizara un debate entre os integrantes da comisión. Finalmente esa segunda fase de debate foi posposta por parte da Alcaldesa logo de que as concelleiras non adscritas sinalasen a inviabilidade legal dunha empresa mixta, a lo menos ata o 2027, para o Concello de Santiago.

Alegando motivos de tempo, para dar unha maior marxe aos integrantes da comisión para o estudo do documento, Sanmartín pospuxo ese debate logo de que Castro sinalase que na páxina 247 do propio informe elaborado pola Universidade da Coruña se advirte de que para a creación dunha sociedade mixta “é necesario que o concello non estea sometido a un Plan Económico Financeiro”, de conformidade coa disposición adicional novena da Lei de Bases de Réxime Local. Raxoi estivo obrigado a aprobar precisamente un Plan Económico Financeiro en xullo deste ano por incumprir a sustentabilidade da débeda comercial -retraso estrutural no pago a proveedores incumprindo o período medio de pago establecido-.

“O Plan Económico Financeiro que o goberno local tivo a obriga de aprobar neste mes de xullo para este 2025 e o vindeiro 2026, impide que se poida dar un só paso na creación desa suposta empresa mixta ata, cando menos, o 2027” explica Castro que, ademais, sinala que ese retraso impediría unha solución “pronta e efectiva” aos problemas de roturas diarias da rede actual.

Horizonte de 20 anos para resolver as eivas da rede da auga

O estudo encargado polo executivo de Sanmartín fixa un horizonte temporal de ata 20 anos para solucionar algunhas das eivas da rede de saneamento e abastecemento de Santiago. É o caso do programa de actuación no casco histórico, no polígono do Tambre ou na zona do Campus Sur.

Sobre isto, Castro criticou que o goberno local empregara dous anos desde o inicio do mandato ata agora para presentar un informe que “propón unha fórmula que non é viable legalmente no futuro próximo e que nos traslada ao 2047 para dar unha solución real aos problemas da rede obsoleta coa que conta Santiago”.

Deja un comentario