Saturday 01 de November de 2025

Arrinca en Novo Mesoiro a campaña de difusión sobre o quinto contedor


Unha carpa informativa visitará os distritos segundo se vaia poñendo en marcha neles o novo modelo de recollida

O 010 conta desde esta semana cunha ferramenta de xeolocalización para resolver dúbidas da cidadanía sobre a localización dos novos contedores de resto

O Concello da Coruña iniciou esta semana en Novo Mesoiro a campaña informativa sobre a implantación do quinto contedor, dirixida a explicar os cambios no sistema de recollida de residuos e resolver as dúbidas da veciñanza sobre a nova fracción resto.

Un punto informativo foi instalado no barrio para dar a coñecer o uso do novo colector de tapa gris, destinado aos residuos non reciclables (restos de varrido, cabichas, produtos de hixiene feminina, cueiros, etc.). A carpa, atendida por persoal especializado en divulgación ambiental, conta con paneis explicativos, folletos e actividades dirixidas á infancia.

Está previsto que esta acción se desenvolva nos diferentes barrios á medida que avance a implantación do novo modelo. A próxima semana, a campaña desprazarase a Monte Martelo, O Birloque, Oza, A Gaiteira, Os Castros, Matogrande e o Sector 7.

As asociacións veciñais e entidades interesadas poden solicitar charlas informativas a través do correo da Concellería de Medio Ambiente: concellaria.medioambiente@coruna.gal
Así mesmo, o servizo municipal 010 ofrece información personalizada e conta desde esta semana cunha nova ferramenta de xeolocalización que permite localizar os novos contedores instalados nas rúas, identificar o máis próximo ao domicilio e enviar suxestións sobre a súa localización.

Co novo sistema, o contedor de tapa amarela quedará reservado exclusivamente para envases (bricks, latas, botellas de plástico, etc.), mentres que os residuos da fracción resto  deberán depositarse no novo colector de tapa gris.

Esta campaña enmárcase nas políticas ambientais desenvolvidas polo Goberno de Inés Rey para avanzar cara a un sistema de reciclaxe máis eficiente, mellorar a separación na orixe e contribuír a unha xestión máis sostible dos residuos urbanos

Deja un comentario