Sunday 02 de November de 2025

Presentada a diagnose da UDC na reunión da comisión especial para estudar a fórmula máis sustentable e eficiente da xestión do ciclo integral da auga


Hoxe reuniuse a comisión especial para analizar a forma máis sustentable e eficiente da xestión do ciclo integral da auga, na que están representados todos os grupos municipais e persoal técnico do Concello. A cita tiña como obxectivo tomar coñecemento do informe elaborado pola Cátedra da Auga da Universidade da Coruña e presentáronse as conclusións do informe. Acordouse dar un tempo para analizar e debater a fórmula más acaída nunha nova reunión, para seguir dando os pasos antes de que o Pleno tome a decisión.

O encontro, que estivo presidido pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, serviu para explicar as principais conclusións do equipo formado pola UDC e que, en síntese, apoia a necesidade dun modelo de xestión que acrecente o control público.

Na diagnose, a UDC propón a creación dunha empresa mixta con maioría municipal como fórmula máis apropiada dentro das posibilidades existentes para o control público do ciclo da auga por parte do Concello. Esta vía permitiría unha maior transparencia e eficiencia do servizo e unha planificación económica que non condicione os orzamentos municipais. O informe técnico recomenda avanzar cara un modelo con maior control público e coa capacidade técnica adecuada, que combine eficiencia, financiamento e gobernanza democrática.

Na comisión, quedou patente que a disxuntiva está entre un modelo, o concesional, no que o control se sitúa nunha empresa privada durante un período extenso en anos e, o outro, no que se crea unha empresa mixta, con maioría pública, na que o control permanece na Administración municipal.

O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental e Servizos Básicos Comunitarios, Xesús Domínguez, considerou que é fundamental tomar unha decisión sobre este servizo esencial. “Estamos ante unha oportunidade única, non só para resolver unha situación administrativa, senón para mellorar a xestión da totalidade do ciclo da auga e solucionar problemas estruturais da rede de abastecemento e saneamento en todo o municipio, colocando a eficiencia e a sustentabilidade como eixo fundamental na planificación e prestación deste servizo”, manifestou.

Deja un comentario