Thursday 30 de October de 2025

Asociación Viriato e o Concello promoven a vindeira semana as “V Xornadas micolóxicas de Neda”


Este venres abre o prazo de inscrición nesta iniciativa gratuíta, prevista para o 7 e 8 de novembro

A Asociación micolóxica Viriato e o Concello organizan a próxima semana unha nova edición, xa a quinta, das “Xornadas micolóxicas de Neda”. Trátase dunha actividade gratuíta de iniciación ao mundo dos fungos e dos cogomelos, que se desenvolverá os días 7 e o 8 de novembro. Dende este venres, ábrese o prazo de inscrición.
Apuntan dende a organización que, seguindo o esquema de entregas anteriores, haberá unha primeira xornada cunha compoñente máis teórica, que terá lugar o venres entre as 19 e as 21 horas na Casa da Cultura de Neda, e unha saída de observación durante a mañá do sábado.
Quen asista ás xornadas terá, entre outras cousas, a oportunidade de coñecer as diferencias entre fungos e cogomelos; saberán ademais un pouco máis sobre como se comportan na natureza e sobre a súa tipoloxía. Ademais, na xornada aportaranse claves útiles para diferenciar os cogomelos que son comestibles dos que non, e porase o foco tanto naqueles que resultan máis perigosos pola súa toxicidade como nos comestibles máis abundantes na nosa comarca.
As explicacións dos expertos de Viriato acompañaranse coa mostra de exemplares. Na segunda xornada, durante a saída de campo (un paseo de observación á beira do Belelle, dende a área recreativa de Maciñeira ata o parque micolóxico da asociación) os participantes terán ocasión de comprobar todo o aprendido.
As persoas que queiran participar na actividade divulgativa poderán anotarse dende este venres ata o xoves 6 de novembro na biblioteca municipal (teléfono 981390233). As prazas serán limitadas.

Deja un comentario