Thursday 30 de October de 2025

Belén do Campo destaca que a Xunta impulsa a modernización da Biblioteca Municipal Santiago Rey Fernández Latorre de Muxía para mellorar a prestación dos seus servizos


-O Concello conta cunha achega da Xunta de 22.500 euros para mellorar a súas instalacións e para dotar a este espazo do equipamento que permita ampliar a oferta cultural de Muxía

-Esta biblioteca recibe outros preto de 4.000 euros para adquisición de novidades e para a dinamización da lectura

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Muxía, Francisco Javier Sar, visitou hoxe as melloras que se están a executar na Biblioteca Municipal de Muxía, Santiago Rey Fernández Latorre, dentro da convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para concellos, destinada a mellorar o equipamento e as instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais. Concretamente, este Concello recibiu unha achega de 22.500 euros para levar a cabo un proxecto que inclúe varias melloras.

A Biblioteca Municipal Santiago Rey Fernández Latorre, integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia, inaugurouse no ano 2008 e ocupa a antiga vivenda do anterior director de La Voz de Galicia, quen a cedeu ao Concello e a dotou de equipamento para que os veciños dispoñan dun lugar de ocio e lectura. Na actualidade conta con máis de 15.000 libros e é un dos lugares de referencia cultural do Concello de Muxía. Belén do Campo subliñou que ademais de ser un punto de préstamo, na biblioteca organízanse obradoiros de animación á lectura, presentacións de libros, contacontos, clubs de lectura e exposicións, fomentando a interacción social e o enriquecemento cultural neste pobo.

Outro dos servizos destacados que presta o centro é o acceso a internet a través dos equipos informáticos dispoñibles para os usuarios. Ademais dos veciños tamén visitan esta biblioteca peregrinos e visitantes que se achegan ao Concello e que dispoñen nun único espazo dun punto onde coñecer a cultura local e onde conectarse se o precisan. A representante do Goberno autonómico destacou que “nun municipio como Muxía, de menos de 5.000 habitantes, a biblioteca constitúe unha aposta pola igualdade de acceso a servizos, servindo de punto de encontro e contribuíndo ao desenvolvemento local e á calidade de vida da veciñanza”.

Con esta intervención no edificio o que se busca é optimizar a prestación dos servizos e dotar ao espazo de equipamento que permita ampliar a oferta cultural do Concello de Muxía. As obras serven para manter o uso do edificio en condicións seguras e para ofrecer os servizos en boas condicións. Concretamente, as obras, en execución,. inclúen a limpeza da cuberta e dos canalóns, a substitución das fiestras tipo velux, a reparación das pezas afectadas polas filtracións, a reparación e selado da galería, a reparación da porta de entrada de madeira e a reparación da porta do baño da planta baixa.

No apartado de instalacións tamén se contempla a substitución dos enchufes que non funcionan, a instalación dos puntos de conexión necesarios para os postos de traballo nas distintas plantas, a retirada dos cables do chan e a dotación dun sistema wifi en todo o edificio. Ademais, colocarase un novo mostrador, estanterías e mesas, para crear unha zona especialmente adicada ao nenos, e se instalará un sistema de impresión dos carnés de usuario para mellorar a xestión do servizo unificando a imaxe dos carnés coa do resto de rede de bibliotecas.

Axudas 2025
A Xunta impulsa estas axudas para a mellora de equipamentos culturais nesta convocatoria de 2025 coa mellora de 44 infraestruturas en toda Galicia, cun orzamento de 500.000 euros destinado a actuar en bibliotecas, arquivos e locais culturais municipais para modernizar estes espazos. Na provincia da Coruña estas achegas chegaron a 22 concellos, o 50% dos solicitantes, por un importe de máis de 201.000 euros e, concretamente, na comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibiron estes apoios cinco concellos, Muxía, Corcubión, Cee, Zas e A Laracha, por un importe total de 71.000 euros. Estas axudas serven para sufragar gastos de reformas, obras de ampliación, mellora da accesibilidade e tamén para a adquisición de equipamento como material escénico, iluminación, son ou audiovisual.

Outras axudas de dinamización e dotación de bibliotecas
A Biblioteca Municipal de Muxía, a través do Concello, tamén recibiu máis axudas de preto 4.000 euros en total, unha para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico, de case 800 euros, e outra achega de case 1.500 euros para a mellora das súas coleccións bibliográficas. Belén do Campo tamén destacou a outro apoio de máis de 800 euros destinado á realización de actividades de dinamización da lectura e lembrou que este Concello tamén é beneficiario do programa Ler Conta Moito, cunha partida de máis de 840 euros para a súa biblioteca.

O programa Ler Conta Moito ten como obxectivo favorecer o enriquecemento cultural e garantir o acceso da cidadanía a unha programación de calidade, en liña coa Lei da cultura accesible e inclusiva de Galicia. Desde o seu inicio en 2022, desenvolvéronse 3.372 actividades nos máis de 300 centros que conforman a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, consolidando este proxecto como un referente de dinamización cultural en todo o territorio.

Compromiso Xunta coa Cultura
A delegada da Xunta destacou que “todas estas actuacións enmárcanse no compromiso da Xunta por mellorar e impulsar o equipamento das instalacións culturais e garantir o acceso á cultura a todos os galegos e galegas”. Belén do Campo puxo en valor a programación cultural e educativa impulsada nestes espazos, fundamentais para o fomento da lectura e o acceso á cultura en igualdade de condicións.

Durante a visita, tamén se destacou o compromiso do Goberno galego co impulso da lectura e das bibliotecas públicas, que se reflicte nos 2,45 millóns de euros consignados nos orzamentos para 2026. Tal e como explicou, Belén do Campo, o vindeiro ano presentarase o terceiro Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia, unha ferramenta de avaliación e diagnóstico que permitirá seguir mellorando os servizos bibliotecarios e a coordinación entre os centros da rede.

Deja un comentario