Profesionais destacados do sector galego e estatal protagonizarán mesas redondas, charlas e proxeccións do 5 ao 7 de novembro
O III Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) converterá a próxima semana a cidade da Coruña no epicentro da reflexión sobre a diversidade e a inclusión no audiovisual. Organizado pola Academia Galega do Audiovisual, co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña, o encontro celebrarase do 5 ao 7 de novembro no Espacio Avenida e nos Cantones Cines, e reunirá durante tres días a creadoras, profesionais e especialistas galegos e estatais para abordar os desafíos e portunidades dun audiovisual máis plural.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu a rolda de prensa de presentación, celebrada este xoves no Palacio Municipal de María Pita. “Desde o Goberno de Inés Rey buscamos manter a cualificación da cidade como gran berce do audiovisual en Galicia, impulsando iniciativas como este foro profesional”, indicou Castro, que estivo acompañado pola vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual, Carmen Méndez.
Tamén participou no acto a deputada provincial Avia Veira.
Méndez destacou que “FIGA naceu como un espazo de diálogo e crecemento colectivo, e nesta terceira edición consolídase como un foro imprescindible para pensar un audiovisual galego máis plural, accesible e comprometido coa realidade diversa da nosa sociedade”.
O programa de FIGA
A programación desta edición, comisariada pola xestora cultural Salima Jirari, especialista en diversidade, igualdade e inclusión, combina proxeccións, charlas e mesas redondas que percorren diferentes dimensións da representación e da pluralidade no audiovisual contemporáneo.
O foro abrirase cun estudo de caso do Festival Norte Cinema Diverso, da man de Fito Ferreiro e Alfonso Hermida, e continuará coa proxección dunha selección de curtametraxes do certame —‘An avocado pit’, de Ary Zara; ‘O coidado’, de Miguel Canalejo; e ‘Ese lugar partido’, de Pablo Santidrián e Inés Pintor—, presentadas polos seus autores. A inauguración culminará coa performance ‘Flúor significa escuridade’, da creadora e performer Nuria Vil, unha peza que combina poesía, corpo e música electrónica e que explora as emocións colectivas desde unha linguaxe poética e visual.
O segundo día abrirá con ‘Radiografía: representación e diversidade en cifras’, unha charla a cargo de Salva Tabone, coordinador de investigación do Observatorio para a Diversidade no Audiovisual, que achegará datos e análises sobre a realidade da representación nos medios. Seguiralle a conversa Recursos para imaxinar unha industria máis plural, con Mel Estaba, Gema Arquero, Nati Juncal e Bárbara Tardón, catro profesionais que abordarán ferramentas prácticas e experiencias transformadoras dende o feminismo e as narrativas queer.
A continuación, a mesa ‘Describindo a norma’, moderada por Anxos Fazáns, reunirá a Ian de la Rosa, Lucía Estévez, Javi Ferreiro e Eva Libertad para analizar como o cinema pode cuestionar os marcos tradicionais de representación. Pola tarde, ‘Novas perspectivas na produción’, moderada por Silvia Fuentes, contará con Gema Arquero, Charli Bujosa, Bea Saiáns e Nati Juncal, centrando o debate na produción audiovisual como espazo de diversidade e transformación.
A xornada rematará coa proxección de ‘Sorda’, filme dirixido por Eva Libertad e preseleccionado pola Academia de Cine para representar a España nos Premios Oscar, seguida dun coloquio coa directora, moderado por Salima Jirari.
O venres, FIGA poñerá o foco nos novos roles emerxentes dentro do sector, con voces como Lola Clavo, Pablo Romero e Salima Jirari, moderadas por Fon Cortizo, nun diálogo sobre a importancia da coordinación de intimidade e da accesibilidade nas producións. De seguido, a mesa ‘O persoal é cinematográfico’, con Alejandro Marín, Afioco Gnecco, Jiajie Yu Yan e Xiana do Teixeiro, moderada por Ángel Filgueira, explorará a relación entre identidade, memoria e creación audiovisual.
Xa pola tarde,’ O casting como oportunidade para ampliar imaxinarios’, moderada por Saamira Ganay, reunirá a Kathy Sey, Camila Bossa, Laura Galán e Miriam Garlo, nun diálogo sobre a representación diversa e o impacto das eleccións de elenco na construción de novos relatos. O foro pechará coa proxección de ‘La Furia’, filme protagonizado por Ángela Cervantes e Àlex Monner, un drama sobre o trauma e a creación escénica, acompañado dun coloquio coa produtora Mireia Graell, moderado pola escritora Andrea Nunes.
Inscrición e acceso
As entradas teñen un custo simbólico de 5 euros por día en concepto de reserva de praza, devoltos integramente ás persoas asistentes. O formulario de inscrición está dispoñible na web da Academia Galega do Audiovisual. O Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual, realizada grazas ao apoio do Concello da Coruña e da área de Cultura da Deputación da Coruña, e conta nesta edición coa colaboración de ABANCA.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.