A actividade, que se desenvolverá o venres 14 e o sábado 15, terá parte teórica e unha saída ao monte para recoller setas
As xornadas estarán conducidas por José Luis Cuba, un dos maiores expertos galegos na materia, ademais de bo coñecedor dos montes da comarca
San Sadurniño ten acollido nos últimos anos unha chea de actividades relacionadas co aproveitamento dos recursos que ofrece o medio rural. Cursos de fruticultura, de apicultura, sesións sobre técnicas agronómicas sostibles, normativa do sector primario… etc. Ducias de propostas impulsadas polo Concello que ata agora nunca se centraron nos cogomelos malia tratarse dunha grande riqueza ambiental, gastronómica e, para algunhas persoas, tamén económica. Para saldar esta débeda histórica coa micoloxía, a área de Desenvolvemento local organiza os días 14 e 15 de novembro dúas xornadas -unha de teoría e outra de saída ao monte- que estarán dirixidas por José Luis Cuba. Toda unha autoridade na materia e, quizais, a persoa que mellor coñece os montes da comarca e as especies que se dan neles. Este minicurso, o primeiro que organiza o Concello (en 2021 houbera un da Oficina Agraria Comarcal), ten un prezo de 10€ por persoa e ofrece 25 prazas. O último día para anotarse é o 13 de novembro.
As xornadas micolóxicas abriranse o venres 14 de novembro cunha charla teórica sobre fungos e cogomelos, que se desenvolverá na Casa da Xuventude de 20:00 a 21:30 horas. Nesa sesión, o experto José Luis Cuba introducirá as principais especies que podemos atopar nos nosos montes nesta época do ano, así como as súas características, usos e precaucións que se deben ter á hora de recollelas.
O sábado 15 de novembro, a partir das 8:30 da mañá, os participantes sairán ao monte desde a Casa da Xuventude para poñer en práctica o aprendido. Durante a saída realizarase unha identificación guiada dos exemplares atopados e abordarase o papel ecolóxico dos cogomelos no medio natural. O regreso ao punto de saída está previsto para as 14:30h, aproximadamente.
As prazas son limitadas —cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas— e o prezo da inscrición é de 10 euros. O prazo para anotarse remata o xoves 13 de novembro ás 14.00 horas. As persoas interesadas deberán cubrir o modelo oficial de solicitude dispoñible nesta ligazón e presentalo a través da sede electrónica do Concello, presencialmente na Casa da Cultura (de luns a venres de 9:00 a 14:00h) ou por correo electrónico en agustin.perez@sansadurnino.gal.
O pagamento poderá realizarse por TPV directamente na Casa da Cultura ou mediante transferencia bancaria ao número de conta ES74-2080-0208-0131-1000-0059 (ABANCA). No caso da transferencia, será preciso remitir o xustificante de pago ao mesmo correo electrónico de inscrición.
Recoller setas de maneira segura e sabendo por onde andamos
A nosa zona destaca pola súa gran riqueza micolóxica, aínda que durante moito tempo os cogomelos foron ignorados ou mesmo rexeitados pola xente. Nas últimas décadas, porén, a situación cambiou notablemente: as setas entraron nos menús dos restaurantes, xurdiron sociedades micolóxicas que fomentaron o seu coñecemento e a súa recollida adquiriu tamén relevancia económica, tanto polo abastecemento do mercado galego como polo envío a outras zonas do Estado, como Catalunya, onde a cultura gastronómica arredor das setas é máis antiga e consolidada. Ademais, a práctica micolóxica converteuse nunha actividade de lecer moi popular, con centos de persoas afeccioadas que se botan aos montes, sobre todo no outono, para gozar da natureza e buscar setas, como se pode comprobar cada fin de semana no Forgoselo ou na serra da Capelada.
A recollida de cogomelos require prudencia e coñecemento, pois existen especies comestibles e exquisitas, pero tamén outras altamente tóxicas ou mortais. Non hai regras simples baseadas en cores ou formas que permitan distinguir unhas doutras, polo que só deben recollerse exemplares perfectamente identificados, e é recomendable ir acompañado de persoas expertas ou participar en cursos como o que se vai ofrecer en San Sadurniño, que debe ser tomado como unha pequena introdución.
Por outra banda, a normativa galega considera os cogomelos un aproveitamento forestal regulado, chegando a dar instrucións sobre como hai que apañalos: deben extraerse con coitelo pola base, deixar intactos os exemplares que non se vaian recoller, transportarse en cestos abertos e nunca remexer o chan nin usar ferramentas agresivas como sachos ou enciños. A recollida só pode facerse de día e diferénciase segundo a súa finalidade: para consumo propio (ata 2 kg por persoa e día), comercial (con autorización da persoa propietaria) ou científica e didáctica (ata cinco exemplares por especie).
En contra do que pensa a maioría, podemos entrar en calquera monte sen permiso para recoller setas ata un máximo de dous quilos. Así o establece a normativa autonómica, onde tamén se indica a maneira que teñen as persoas propietarias de terreos forestais de reservar para si o aproveitamento micolóxico das súas propiedades.
Para iso terán que comunicarllo previamente á Xunta a través do formulario normalizado MR604G, indicando, entre outros datos, o nome da persoa titular, referencia catastral da parcela e tamén a indicación de se se quere restrinxir o acceso en toda ela ou só nunha parte. Tras esta comunicación -que poderá ser por un tempo determinado ou con carácter indefinido- terá que colocar en todo o perímetro da área acoutada carteis informativos co texto “Aproveitamento micolóxico restrinxido. Prohibida a recolla de cogomelos sen autorización da persoa propietaria ou xestora”.
Facer a comunicación e a sinalización -teñen que ser as dúas, non chega só cos carteis- non nos garantirá que non nos vaian levar as setas, pero si nos dará seguridade xurídica se nalgún momento temos que acudir ás autoridades para impedilo ou denuncialo.
Para ir ás setas ao Forgoselo hai que sacar un permiso
Un exemplo deste modelo de xestión propia dos recursos micolóxicos é o couto do Forgoselo, impulsado pola Asociación de Veciños Monte Forgoselo, que regula a recollida dentro dun plan integral de aproveitamento forestal, gandeiro e silvopastoril.
As persoas socias poden apañar setas gratuitamente para consumo propio, mentres que o público xeral precisa un permiso diario (5€) ou anual (35€), dispoñible no Bar 3×4 das Neves ou na web da Agroalimentaria do Eume. As recollidas científicas son gratuítas, e para fins comerciais é necesario un acordo coa asociación, que mesmo ofrece a posibilidade de comercializar os cogomelos recollidos a través da Agroalimentaria do Eume.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.