O clube de voleibol de San Sadurniño está desenvolvendo nos centros educativos da comarca unha campaña informativa sobre este deporte co obxectivo de promover a súa práctica nos colexios. A piques de rematar a temporada competitiva, o Aldebarán-Intasa inicia deste xeito unha nova etapa coas miras postas na base, aproveitando o tirón da victoria na Copa Príncipe do equipo senior masculino. O obxectivo é “abrir novos horizontes” na dinamización do volei e, principalmente, crear unha canteira próxima para o clube local e para calquera formación que poida xurdir na comarca.
Aproveitando que os xogadores da SM2 están a punto de finalizar os seus compromisos ligueiros, o Aldebarán desprazou ata o colexio pontés da Fraga a varios dos seus integrantes, que lle ofreceron á rapazada unha sesión práctica na pista cuberta do centro de ensino.
Ademais de explicarlles aos nenos e nenas as regras básicas do deporte, o clube entregoulles un convite para que adestren no pavillón de San Sadurniño durante este mes de abril completamente de balde. Segundo informan desde o Aldebarán-Intasa, o ofrecemento destas sesións de toma de contacto “tamén se lle fixo a outros centros educativos da zona e faise extensivo a calquera rapaz ou rapaza que queira iniciarse neste deporte”.
Deporte en idade escolar
A intención do clube é ampliar a base na que se sustenta a práctica do volei. Nestes momentos participan nas escolas e nas categorías iniciais case un cento de deportistas entre 6 e 18 anos, agrupados en 8 equipos desde benxamín até xuvenil.
Esta pasada fin de semana os infantís masculinos volveron á Coruña para participaren na competición que se desenvolve todos os sábados no pavillón do Monte das Moas. Enfrontáronse ao Santa María do Mar nun encontro moi igualado que acabaron ganando os coruñeses. Venceron no primeiro set por 25-17 mentres que o segundo foi para o equipo de San Sadurniño por 19 a 25 tantos. O terceiro e definitivo saldouse con victoria do Santa María do Mar por un apretado 15-13.
Á Coruña tamén acudiron os benxamíns con dous equipos que disputaron encontros na cancha do Club Calasancias. Neste caso houbo unha victoria e unha derrota dentro dunha competición que se celebra polo sistema de concentración e que terá a súa seguinte xornada no pavillón de San Sadurniño o sábado 16 de abril a partir das 16.30h. Daquela o Aldebarán recibirá clubes da Coruña, de Oleiros e de Carballo.