Wednesday 29 de October de 2025

O Concello activa as estacións de BiciCoruña de Pedralonga e Palavea


En total, hai xa 66 estacións en servizo, ás que haberá que sumar outras tres instaladas na avenida de Oza, Agrela e San Pedro de Visma

O Concello da Coruña puxo este mércores en funcionamento dúas novas bases do servizo municipal de préstamo de bicicletas BiciCoruña.
Trátase das estacións situadas en Palavea, na rúa Lugar de Palavea Vella e xunto á pasarela peonil que atravesa a avenida de Alfonso Molina, e en Pedralonga, xunto á entrada da Cidade das TIC.

Deste xeito, na actualidade hai un total de 66 estacións en servizo e está previsto que nas vindeiras semanas, unha vez establecida a alta do subministro eléctrico, se poñan en funcionamento outras tres xa instaladas na avenida de Oza, xunto ao parque de Bombeiros de Agrela e no barrio de San Pedro de Visma. “Grazas a instalacións destas dúas novas bases cumprimos co compromiso de dar servizo de préstamo de bicicletas a máis barrios da cidade. Foi un dos obxectivos marcados por Inés Rey para expandir BiciCoruña e convertela nun medio de transpor útil e cada día máis empregado”, indicou Noemí Díaz, concelleira de Infraestruturas e Mobilidade.

A posta en marcha destas novas estacións ten como obxectivo conectar dous barrios distantes do centro da cidade a través deste servizo de mobilidade sostible, que permite á cidadanía desprazarse a diario nun medio de transporte sen emisións e con soporte eléctrico.
Unha das novas estacións, a de Palavea, conta con soporte solar para un uso máis eficiente dos recursos enerxéticos do servizo.

Deja un comentario