O Concello de Neda vén de licitar as obras de renovación do abastecemento e saneamento na rúa O Carreiro. A intervención, na que a administración local investirá un máximo de 82.297 euros, con cargo ao POS+ 2025 da Deputación da Coruña, completa a posta a punto dos servizos básicos realizada en estradas veciñas como Xerardo Luaces e a conexión entre Albarón e a Mourela.
O proxecto aposta por dotar a esta vía pública dunha nova rede de subministro de auga, que substitúa á actual, executada na súa maior parte en fibrocemente e con avarías frecuentes. Instalaranse novas tubaxes de polietileno, e renovaranse as acometidas domiciliarias que non cumpran os estándares fixados. A rede actual manterase operativa en tanto duren os traballos.
En paralelo, procederase á substituír os tramos de canalizacións de saneamento que se atopan deteriorados polo paso dos anos. Para o correcto funcionamento será preciso ademais instalar tres pozos de rexistro e realizar o entroncamento coa rede existente.
A intervención- moi demandada pola veciñanza- completarase coa reposición do pavimento asfáltico e tamén o dos treitos de beirarrúas existentes, que se resolverán con formigón para uso peonil, ademais da correspondente sinalización horizontal e vertical.
As empresas interesadas en facerse cos traballos dispoñen de prazo ata o 11 de novembro para presentar ofertas. Os pregos de condicións poden consultarse no perfil de contratante do Concello na Plataforma de contratación do sector público.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.