O primeiro pase será o venres 31 de outubro ás 18.00 horas, e desde o sábado 1 de novembro poderá verse nas sesións de fin de semana ás 13.00 e ás 17.00 horas
A Casa das Ciencias renova a súa carteleira co programa de planetario «A grande aventura do sistema solar», unha produción inmersiva a toda cúpula dirixida ao público familiar, que combina divulgación e entretemento nun percorrido fascinante polos segredos do universo. O primeiro pase terá lugar este venres, 31 de outubro, ás 18.00 horas, e a partir do sábado 1 de novembro pasará a formar parte da programación habitual das fins de semana.
A nova película convida as persoas espectadoras a acompañar o explorador Schiaparelli e o seu equipo nunha viaxe polo sistema solar, desde a superficie abrasadora de Venus ata o xélido Urano, pasando polos aneis de Saturno ou a paisaxe marciana. Un percorrido que amosa a beleza e diversidade do cosmos e que remata cunha mensaxe clara: a importancia de coidar o noso planeta Terra.
O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, salientou que “esta nova proposta reforza a oferta divulgativa dos Museos Científicos Coruñeses e consolida á Casa das Ciencias como un espazo de referencia para aprender, descubrir e gozar en familia”.
«A grande aventura do sistema solar» é unha produción de NSC Creative, un estudo británico especializado en experiencias inmersivas que obtivo numerosos premios internacionais en Alemaña, Estados Unidos, Australia, Eslovaquia, República Checa, Corea do Sur e Reino Unido.
Esta iniciativa enmárcase nas accións de dinamización cultural e educativa impulsadas polo Goberno de Inés Rey para achegar a ciencia á cidadanía.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.