O torneo reunirá máis de 120 judokas de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León e forma parte do sector oeste do Campionato de España Absoluto 2025
O Concello da Coruña colabora coa Federación Galega de Judo e D.A., que organiza en representación da Real Federación Española de Judo o XXVII Trofeo Teresa Herrera de Judo, unha cita que se celebrará este domingo, 2 de novembro, no Palacio dos Deportes da Cidade Deportiva de Riazor, a partir das 9.30 horas, con entrada de balde ata completar capacidade.
O torneo forma parte do Sector Oeste do Campionato de España Absoluto 2025, clasificatorio para a fase final nacional e porta de acceso ao circuíto internacional. Reunirá a máis de 120 deportistas das comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, nas categorías masculina e feminina.
A selección galega competirá con 58 judokas, dos cales 24 pertencen a clubs da Coruña e da súa área metropolitana, como o Judo Club Coruña, Shiai, FIBRA, Bitácora, Oleiros, Bergantiños ou Culleredo, entre outros.
As finais están previstas para as 12.00 horas, e ás 13.00 horas terá lugar a entrega de medallas e trofeos, na que participará o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, xunto a representantes da Federación Galega de Judo e da Xunta de Galicia.
O Goberno de Inés Rey continúa a reforzar a súa aposta polo deporte e pola organización de grandes eventos de carácter autonómico e nacional, consolidando a cidade como un referente deportivo e impulsando disciplinas que representan valores de esforzo, igualdade e superación.
O campionato poderá seguirse tamén en directo a través da canle de YouTube da Federación Galega de Judo (fgjudo), de 9.30 a 13.00 horas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.