A intervención permitirá renovar os xogos, ampliar as zonas verdes e mellorar a accesibilidade do recinto
Esta semana deron comezo os traballos de remodelación do parque situado nas rúas Puga e Parga e Alexandre Bóveda, no barrio de Catro Camiños. A actuación responde a unha das principais demandas da veciñanza e forma parte dos compromisos adquiridos co barrio, dentro das liñas de mellora e humanización do espazo público.
A intervención céntrase na área infantil e na contorna verde do parque, co obxectivo de renovar os equipamentos, reforzar a súa funcionalidade e adaptalo ás necesidades actuais.
O proxecto contempla un prazo de execución de catro meses, tempo no que se acometerán actuacións completas e integradas que permitirán poñer en valor este espazo nun período áxil e ben planificado.
Tal e como explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, “a actuación permitirá mellorar tamén as zonas de paso e integrar mellor o recinto no seu entorno”. Entre outras melloras, está prevista a substitución do actual peche perimetral por un valado de madeira máis sostible e duradeiro.
Na área de xogos renovarase o firme de caucho e reconfigurarase o mobiliario urbano, incluíndo novos elementos como mesas de xadrez. Ademais, actuarase sobre os espazos verdes, cunha nova plantación de céspede sobre base vexetal enriquecida, a incorporación de novo arboredo e a adaptación da rede de rego para garantir a súa eficiencia.
Esta obra, cun orzamento de 130.000 euros, enmárcase nas actuacións impulsadas polo Goberno de Inés Rey para mellorar a calidade de vida nos barrios e promover espazos máis accesibles, naturais e pensados para o uso público.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.