Wednesday 29 de October de 2025

A Xunta e o concello de Cambre asinarán un convenio para o arranxo de infraestruturas no río Mero


A intervención comprometida, cun investimento estimado de preto de 900.000 euros, centrarase nunha extensión duns 17 quilómetros

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, acordaron hoxe asinar un convenio para o arranxo de diferentes infraestruturas no río Mero, ao seu paso polo Concello de Cambre. A actuación, que afectará a unha extensión aproximada de 17 quilómetros, conlevará un investimento de preto de 900.000 euros.
No transcurso da xuntanza, na que participou o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, abordouse a situación desta infraestrutura, de gran demanda por parte da veciñanza, non só do Concello de Cambre, senón de toda a área metropolitana, para actividades como sendeirismo ou rutas ciclistas. Porén, o mal estado no que se atopa actualmente, con diversos tramos pechados, fai necesaria a reposición ao completo deste servizo.
O orzamento de Augas de Galicia para 2026 sobe un 5,5%, ata os 151,7 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora e creación de infraestruturas, a formación e a divulgación de técnicos e cidadanía, e a execución de políticas de prevención ante os riscos climáticos e que aumenten a resiliencia hídrica da comunidade.
En global, o organismo hidráulico dedicará 7 de cada 10 euros do seu orzamento a abastecemento e saneamento —108,7 M€— e case a metade —73,6 M€—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.
Esta estratexia de impulso ao tratamento das augas prestará unha atención especial á situación particular dos núcleos rurais, con investimentos que en 2026 suman 17,8 M€ —case un 40% máis que este ano— para dotar distintas áreas das catro provincias dos mellores servizos hidráulicos. O fin é acadar un rural sostible incidindo tanto nas contornas rurais dos grandes municipios como nos pequenos núcleos de poboación ou en zonas dispersas.

Deja un comentario