Wednesday 29 de October de 2025

A Coruña acolle a preestrea da película “Leo & Lou”, producida por Frida Films con subvención da Xunta


— O debut de Carlos Solano na dirección de longametraxes contou con 260.000€ a través da liña de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

— Julia Sulleiro e Isak Férriz son os protagonistas desta historia para todos os públicos, que mestura humor e emotividade coas paisaxes de Galicia como pano de fondo

O equipo da película Leo & Lou regresou a Galicia para a súa preestrea na Coruña, previa á chegada ás salas de cine españolas o vindeiro 7 de novembro. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu ao pase nos Cantones Cine desta coprodución internacional, con participación da compañía galega Frida Films e financiamento da Xunta.

En concreto, o debut de Carlos Solano na dirección de longametraxes foi subvencionado en 2024 con 260.000 euros a través da liña da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, así como cunha axuda para a súa fase previa, concedida en 2022 a partir da convocatoria extraordinaria para o desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais ao abeiro do Hub da Industria Creativa Galega, financiado no marco do eixo REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A debutante Julia Sulleiro e o actor Isak Férriz interpretan o dúo protagonista desta historia para todos os públicos, na que unha nena muda de 10 anos, alegre e vivaz, escapa do centro de acollida no que vive e entrecruza o seu camiño co dun home de mediana idade, escéptico e de carácter seco, cunha vida que vai costa abaixo. Xuntos emprenden unha travesía, que mestura humor e emotividade coas paisaxes galegas como pano de fondo.

Rodaxe en Galicia
Rodada en diferentes localizacións de Galicia en 2024, Leo & Lou conta tamén no seu reparto con coñecidas caras do noso audiovisual, como Manuel Manquiña, Marta Larralde ou María Pujalte.

Frida Films produce a película xunto a Zeta Cinema, Zeta Audiovisual e Aurora Audiovisual AIE, en coprodución internacional da británica Lunatica Limited e a romanesa Motion Picture Management en asociación con LipSync e Richmond Pictures, e con Filmax a cargo da estrea nas salas españolas e das vendas internacionais.

De raíces galegas, o director madrileño Carlos Solano asina tamén o guión deste filme, xunto a Carlos C. Tomé, co que dá un paso adiante na súa recoñecida traxectoria como curtometraxista, con títulos como Somos amigos, El Club de los 27 e Extraños en la carretera.

Deja un comentario