Wednesday 29 de October de 2025

A Cámara Oficial Mineira de Galicia inaugura a mostra “Tesouros da terra”, que pode visitarse en Lestedo ata o 7 de novembro


A exposición foi inaugurada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro e a responsable da Oficina Técnica da COMG, Irene Pérez

A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) inaugurou esta mañá en Boqueixón a exposición urbana itinerante “Tesouros da terra: a minería galega a través do tempo”, unha mostra que propón un percorrido divulgativo por 2.500 anos de historia mineira en Galicia. A iniciativa forma parte das actividades conmemorativas polo Centenario da entidade, que celebra este 2025 cen anos de labor ao servizo do sector mineiro galego.

A exposición, composta por oito paneis informativos, pode visitarse na praza da feira de Lestedo (Boqueixón) ata o 7 de novembro, logo de pasar por cidades como Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña, Ourense e Vigo, así como polo municipio ourensán de Parada do Sil. O acto de inauguración contou coa presenza do alcalde do concello de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, a responsable da Oficina Técnica, Irene Pérez, ademais doutros membros da xunta directiva e asociados á entidade, así como representantes de empresas mineiras.

A responsable da Oficina Técnica da COMG puxo en valor a relevancia histórica e xeolóxica de Boqueixón, estreitamente ligada á actividade mineira: “Boqueixón é un dos lugares máis representativos do vínculo entre a terra e a minería en Galicia. É unha testemuña xeolóxica de millóns de anos e o punto de partida dunha actividade que forma parte da nosa identidade colectiva”.

Pico Sacro, patrimonio mineiro

Pola súa banda, o alcalde de Boqueixón recoñeceu á Cámara Oficial Mineira de Galicia por este aniversario número cen e desexou que “exposición serva para que os nosos veciños e veciñas comprendan a importancia que ten este sector, sobre todo cando vivimos nun concello que ten un dos principais referentes do patrimonio mineiro de Galicia e do mundo como é o noso Pico Sacro, un elemento único da xeoloxía e da minería en Galicia”.

Rodeiro puxo en valor a colaboración entre o Concello de Boqueixón e a Cámara Oficial Mineira de Galicia, que propiciou a instalación dun tótem informativo ao pé do Pico Sacro que recoñece que “o noso Monte Ilicino é un lugar único no mundo, unha montaña de cuarzo de 533 metros de alto, nun territorio caracterizado polo granito. Iso fai que sexa un elemento único da xeoloxía e da minería en Galicia”. Así mesmo, destacou que “deste filón extraeuse cuarzo de alta pureza que foi empregado para moitos usos. Por exemplo, en electrónica, para fabricar paneis solares e outros compoñentes; na industria química, para facer siliconas; ou na industria siderúrxica, para fabricar ferrosilicio, que se emprega nos altos fornos” e foi utilizado para actuacións icónicas da comarca como “a fermosa ponte de Guitián, esa ponte dos antigos camiños de ferro construída entre 1945 e 1958; pero tamén para, máis recentemente, a construción do viaduto de alta velocidade de 2011, e que foi premiada polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canales e Portos como a mellor obra de enxeñería en Galicia dese ano”.

Boqueixón, un territorio cunha longa tradición mineira

A actividade mineira en Boqueixón está fundamentalmente vinculada ao filón de cuarzo que constitúe o Pico Sacro, unha formación xeolóxica de singular relevancia, formada hai aproximadamente 315 millóns de anos durante os movementos tectónicos do Paleozoico. A dimensión industrial da minería en Boqueixón comezou en 1968, cando tres empresarios locais descubriron por casualidade o xacemento de Serrabal, hoxe unha das maiores explotacións de cuarzo do mundo. O material extraído destínase a aplicacións industriais de alto valor engadido: desde a produción de silicio metal para paneis fotovoltaicos e o desenvolvemento de enerxías renovables, ata a fabricación de ferrosilicio para a industria siderúrxica, ademais de vidro, cerámica, materiais refractarios e compoñentes electrónicos para telecomunicacións por fibra óptica.

Ademais do cuarzo, nas proximidades de Boqueixón atópanse antigas explotacións mineiras como as de Fontao, coñecidas pola extracción de estano e volframio, as augas termais de Baños de Brea, e o cobre de Touro. Na contorna tamén existen explotacións de rochas do tipo anfibolitas e gabros, co seu aproveitamento para áridos e outras industrias. Estas actividades reflicten tanto un pasado mineiro significativo como un futuro cheo de posibilidades, especialmente nas aplicacións tecnolóxicas e enerxías renovables do cuarzo e outros minerais.

A actividade mineira: testemuña da evolución de Galicia

A exposición ‘Tesouros da terra’ reflicte a historia da minería en Galicia desde os antigos fenicios, pasando pola época romana, ata a actualidade, trasladando o seu importante papel na transformación da economía e a cultura da rexión. A través de oito tótems divulgativos, a mostra explora as distintas etapas da actividade mineira na comunidade, que comezou coa minería aurífera nos séculos I e II, cando Galicia, antes Gallaecia, recibiu o seu nome por mor das súas abundantes minas de ouro. A mostra tamén destaca a relevancia dos diferentes subsectores da minería, como rochas ornamentais, augas mineromedicinais, áridos ou minerais industriais. Por último, a exposición repasa os principais fitos da Cámara Oficial Mineira de Galicia desde a súa fundación, en setembro de 1925, coa misión de unir as voces de quen traballaba no subsolo galego, ata a actualidade.

Deja un comentario