Saturday 23 de November de 2024

A Rede de Albergues de Peregrinos da Xunta de Galicia mellora as súas condicións para as personas con mobilidade reducida


No pasado ano 2015 Turismo de Galicia en colaboración con PREDIF desenvolveu un Plan de accesibilidade turística de Galicia que inclúe un plan específico de diagnóstico e execución para a accesibilidade no Camiño de Santiago

No pasado ano 2015 Turismo de Galicia en colaboración coa Plataforma Representativa Estatal de Personas con Discapacidad Física (PREDIF) desenvolveu un Plan de accesibilidade turística de Galicia que inclúe un plan específico de diagnóstico e execución para a accesibilidade do Camiño de Santiago.

O plan analizou o estado actual do turismo accesible en Galicia e a accesibilidade dos seus recursos e servizos turísticos co obxecto de deseñar e comercializar experiencias inclusivas.

A través deste, realizouse así mesmo unha diagnose dun amplo número de aspectos da accesibilidade para as diversas tipoloxías de discapacidade existentes e unha serie de propostas para mellorar as condicións de accesibilidade da ruta xacobea.

Con base no resultado obtido no diagnóstico establecéronse as estratexias e as accións que hai que levar a cabo para mellorar a competitividade do destino Galicia e para converter a nosa comunidade nunha referencia de accesibilidade turística.

Unha das necesidades recollidas no dito plan foi a adaptación dos albergues da Rede Pública da Xunta de Galicia para consolidar o Camiño de Santiago como un itinerario universal e accesible.

Neste senso, Turismo de Galicia puxo en marcha diversas intervencións e hoxe en día todos os albergues da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago dispoñen dunha habitación destinada a persoas con discapacidade.

Así mesmo, recentemente completouse a dotación nos albergues públicos do Camiño de aseos destinados a estes peregrinos co mobiliario e equipamentos necesarios para un mellor servizo -barras de apoio e abatibles así como cadeira de ducha adaptada-.

En total Turismo de Galicia realizou intervencións e subministracións en 26 albergues da ruta xacobea.

Unha importante iniciativa para mellorar as condicións de accesibilidade e garantir o dereito destes cidadáns ao acceso aos recursos turísticos, favorecendo a súa integración social e incrementando, así, a calidade da oferta destes establecementos.