O exterior da nave estará finalizado antes de que remate este 2025
O Centro de Deportes Náuticos comeza a tomar forma coa instalación das estruturas prefabricadas de formigón que conforman o exterior da nave. Previsiblemente, as paredes estarán xa colocadas no mes de novembro, e, en decembro, contará coa cuberta. Trátase dun paso máis para a materialización deste recinto deportivo despois da reunión mantida coa empresa adxudicataria da obra UTE XESTIÓN AMBIENTAL DE CONTRATAS, S.L. e PRACE, SERVICIOS Y OBRAS, S.A. para avaliar o estado de execución “dunha infraestrutura necesaria dado o forte vínculo do noso municipio co mar tamén a través do deporte e coa finalidade de facilitar maiores e mellores prestacións aos nosos clubs e deportistas”, en palabras da alcaldesa de Ribeira, María Sampedro.
Unha vez rematada a fase centrada no exterior do centro deportivo de Aguiño, comezarán os traballos no seu interior para rematar a obra en marzo de 2026.
Despois de facer o edificio será o momento de dotalo con equipamento, para o cal se colaborará co Club de Remo co obxectivo de recibir asesoramento sobre o material deportivo necesario a incorporar.
A construción consta de 1156 metros cadrados divididos en dous andares. Na planta baixa habilitarase a zona de almacenamento de
embarcacións, o foso de adestramento, a recepción, aseo adaptado e almacén. Doutra banda, na primeira planta situarase o salón multiusos con aula e cociña office, despacho, baño adaptado, vestiarios, ximnasio e almacén. O importe total da adxudicación do contrato é de 1.179.750 euros, IVE incluído.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.