Wednesday 29 de October de 2025

Belén do Campo destaca que a Xunta apoia con cinco axudas a catro entiddades veciñais da Comarca do Barbanza a través do Plan Específico de Acción Comunitaria con máis de 44.000 euros


— As achegas van dirixidas a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas e poden acadar a totalidade do investimento realizado

— A través desta medida fináncianse os investimentos en inmobles e na adquisición do material necesario para o seu funcionamento

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, esta maña, a asociación de veciños O Souto de Arcos, beneficiaria das axudas do Plan específico de acción comunitaria de 2025.

A entidade O Souto dos Arcos, creouse o 21 de setembro de 1992, contando na actualidade con 69 socios é a principal dinamizadora da vida parroquial organizando reunións, cursos, charlas, ximnasia, excursións, e festas veciñais, etc. Para o desenvolvemento da súa actividade teñen o dereito a uso da Casa Escola situada no lugar da Curra.

A actuación realizada no seu local social, contou cunha achega de case 12.000 euros, e consistiu no cambio de cristais das fiestras, cambio da porta principal para facer posible o acceso das cadeiras de rodas, illamento en paredes e pintura interior, reparación da instalación eléctrica e reparación das grietas, limpeza e pintado da fachada exterior.

Neste senso apuntou que en Galicia medran os proxectos impulsados en 2025, con 454 actuacións fronte ás 341 de 2024, dos cales 72 proxectos son da provincia da Coruña e informou que na comarca do Barbanza reciben estas achegas, 4 entidades, a asociación de veciños O Souto dos Arcos de Mazaricos, da liña de obras, a comunidade veciñal de augas da Parroquia de Xuño de Porto do Son, da liña de obras, a asociación de veciños de A Cubeliña da Pobra do Caramiñal, da liña de equipamentos e a comunidade de usuarios de auga de Corrubedo de Ribeira, dúas axudas das liñas de obras e equipamentos. Estas 5 achegas suman máis de 44.000 euros.

A representante do Goberno autonómico apuntou que con estas aportacións se cumpre o obxectivo do Goberno galego de darlle maior resposta á elevada demanda desta liña de axudas, para o que incrementou a dotación ata os catro millóns de euros, un millón máis con respecto aos anteriores exercicios.

Segundo sinalou Belén do Campo estas subvencións buscan apoiar as entidades que impulsan iniciativas que fomentan a participación cidadá, promoven a cohesión social e contribúen a preservar a identidade cultural de cada territorio. “Trátase, en definitiva, de apoiar ás organizacións máis próximas á cidadanía, que coñecen de primeira man as súas necesidades e que desempeñan un papel fundamental como intermediarias entre a administración e a poboación”, recalcou.

A través desta orde, o Goberno galego contribúe a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal. Deste xeito, poden ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles da titularidade das entidades solicitantes ou sobre os que teña dereito de uso, no caso das asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.

Apoio a obras e equipamento
Entre os proxectos subvencionables incluíronse dúas liñas, unha delas dotada con 3,4 millóns de euros, para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

A outra liña de axudas financia, cunha achega de 600.000 euros, a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutro material básico para actividades específicas.

As axudas económicas poden acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos. Ademais, hai a posibilidade da concesión de anticipos de ata o 100% que se farán efectivos unha vez realizada a notificación da subvención, por solicitude da entidade beneficiaria.

Deja un comentario