O Pleno aproba por unanimidade investir 107.000€ no aglomerado do acceso á Igrexa de Aiazo e dende o cruce de O Prado (Papucín) á AC-524
O Concello de Frades celebrou onte luns unha sesión plenaria extraordinaria na que aprobou un suplemento de crédito de 63.000 euros para amortizar a débeda bancaria que tiña o municipio debido á execución das obras de construción do centro sociocomunitario de Ponte Carreira. “Con esta amortización, o Concello de Frades queda con débeda bancaria cero e tampouco ten débeda ningunha con provedores”, explica o concelleiro de Economía e Facenda, Manuel Ferreiro Marzoa.
Este suplemento de crédito executarase con cargo ao Remanente de Tesourería para Gastos Xerais que, tal e como informou o alcalde Roberto Rey no primeiro punto da sesión, ascende a 241.910,66 euros. Un dato procedente da Liquidación do Exercicio 2024, do que se deu conta ao inicio do Pleno e que recolle que o Concello de Frades cumpre cos criterios de estabilidade orzamentaria.
POS+Adicional 4/2025
Finalmente, o pleno aprobou por unanimidade a participación do Concello de Frades no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal POS+ Adicional 4/2025, punto que motivou esta convocatoria extraordinaria. Roberto Rey explicou que a Frades correspóndenlle 177.240,15 euros, dos que algo máis de 107.000 euros serán destinados a dous proxectos de obras: o aglomerado da pista de acceso á igrexa de Aiazo e o aglomerado da pista entre o cruce de O Prado (Papucín) e estrada AC-524. Os restantes 70.000 euros destinaranse a gasto corrente: “mantemento de accesos a núcleos de poboación, limpeza de cunetas e bacheo”, especificou Roberto Rey.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.