Monday 27 de October de 2025

O empresariado do polígono industrial aborda os proxectos de futuro co alcalde e o concelleiro de Promoción Económica e agradece a xestión realizada por Evencio Ferrero


O empresariado do polígono de Bértoa mantivo hoxe a primeira xuntanza co alcalde de Carballo, Daniel Pérez, que acudiu acompañado polo concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. A xunta directiva da asociación tamén convidou ao ex alcalde Evencio Ferrero para agradecerlle a xestión realizada nos 22 anos que estivo á fronte do goberno municipal.
No encontro fíxose un percorrido por algunhas das numerosas actuacións realizadas polo Concello de Carballo no parque empresarial, pero sobre todo abordáronse os proxectos de futuro. Sen dúbida, o máis urxente é a ampliación do polígono, que, segundo os últimos prazos ofrecidos pola Xunta de Galicia tras a aprobación do plan estruturante, arrincará no 2027. O empresariado considera que de xeito paralelo debería acometerse a construción da variante, algo no que tamén coincide o goberno municipal. Daniel Pérez insistiu na imperiosa necesidade de desviar o tráfico pesado da zona urbana, tanto para facilitar a actividade empresarial como, sobre todo, para mellorar a seguridade viaria nas zonas do Chorís e da Milagrosa.
A nivel municipal, nestes momentos está en execución o contrato de subministro e instalación dunha báscula para camións, que foi adxudicado a Consccy202SL por máis de 121.000 euros. E tamén será adxudicado nos próximos días o contrato de instalación de casetas para oficinas e vestiarios, cun orzamento de 38.398 euros. A estes dous proxectos, que supuxeron un esforzo importante por parte do Concello de Carballo, tanto a nivel económico como administrativo, engadiranse novas actuacións nos vindeiros anos. Por parte da asociación de empresarios presentáronse varias propostas nese sentido.

Deja un comentario