Durante a xuntanza, analizaron os principais asuntos de interese para o municipio de cara ao remate da actual lexislatura, así como o estado das diferentes actuacións comprometidas pola Xunta de Galicia neste concello
A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Fisterra, Luis Insua, no que foi o primeiro encontro institucional entre ambos desde o nomeamento do rexedor o pasado mes de agosto.
Durante a xuntanza, analizaron os principais asuntos de interese para o municipio de cara ao remate da actual lexislatura, así como o estado das diferentes actuacións comprometidas pola Xunta neste concello.
Entre elas, interesouse polo estado das obras de ampliación do CEIP Mar de Fóra, nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a investir ao redor de 900.000 euros para a súa ampliación e mellora, co obxectivo de ofrecer unhas instalacións modernas e adaptadas ás necesidades do alumnado.
Así mesmo., falaron do Plan Camiña Rural 2025-2026, unha iniciativa que permite mellorar as infraestruturas viarias municipais de conexión de núcleos e facilitar o acceso ás explotacións agrícolas e gandeiras, para o que xa solicitou o anticipo de gasto.
Ademais, a delegada e o alcalde falaron sobre a posta en marcha da nova Casa do Maior que abrirá as súas portas proximamente neste municipio e que se unirá ás dúas xa existentes neste municipio, ofrecendo un espazo de atención e convivencia para as persoas maiores e contribuíndo a fixar poboación no rural.
Entre os temas abordados púxose en valor o programa Aprol Rural, do que se veu beneficiado este Concello coa contratación de 3 traballadores para o desenvolvemento tarefas de prevención e mantemento dos espazos naturais do municipio contratados co apoio do Goberno galego.
A delegada tamén animou ao rexedor a solicitar, no próximo exercicio, as diferentes liñas de axudas da Xunta de Galicia, entre elas as de Administración Local: Infraestruturas, Fondo de Compensación Ambiental Competitivo, Fondo de Cooperación Adicional e fondos FEDER de eficiencia enerxética, co obxectivo de seguir mellorando os servizos e infraestruturas públicas de Fisterra.
Os dous representantes públicos coincidiron na necesidade de seguir reforzando os vínculos entre ambas administracións para contribuír ao desenvolvemento deste Concello. Do mesmo xeito, Belén do Campo trasladoulle todo o apoio e colaboración da Xunta de Galicia.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.