A portavoz do Goberno local, Míriam Louzao deu conta este luns dos principais asuntos aprobados na Xunta de Goberno local.
O Concello aprobou convocar unha nova licitación da obra de naturalización da lagoa do Auditorio e restauración fluvial do río Corgo, que forma parte do proxecto Entre Sar e Sarela, con financiamento europeo. O orzamento base deste contrato sitúase en 826.965,69 € (IVE incluído), cunha base impoñible de 683.442,72 € máis IVE do 21% de 143.522,97 €), por procedemento aberto de adxudicación.
Míriam Louzao explicou que concurso para este contrato quedou deserto na anterior convocatoria e, debido a que o prazo de execución excede do remate deste exercicio, tramítase como anticipado de gasto, sometido a unha condición suspensiva dependente da confirmación dos recursos que o financia.
“Está solicitada a prórroga do fondos necesarios e por agora non foi respondida afirmativamente pola Fundación Biodiversidade, que é o ente xestor destes fondos europeos”, sinalou. E engadiu que dado o interese do conxunto do proxecto Entre Sar e Sarela, centrado na creación dunha estratexia verde e na renaturalización de cinco zonas do ámbito urbano, “recomenda avanzar todo o posible na súa execución, seguindo tamén as indicacións da propia Fundación Biodiversidade, aínda que os prazos da convocatoria sexan excesivamente limitados en espera de que, finalmente, a Administración estatal e a Unión Europea amplíen a data de remate”.
A portavoz adiantou que no caso de non confirmarse esta ampliación, O Concello adoptará a decisión máis favorable ao interese municipal á vista da situación orzamentaria.
Subvencións
O Goberno local tamén acordou solicitar unha subvención de 12.500,00 euros á Deputación da Coruña, para o mantemento da Escola Municipal de Música durante o próximo exercicio no marco do programa de subvencións que esta entidade convoca para o mantemento de conservatorios, escolas de música e escolas de danza municipais.
Doutra banda, ampliouse oprazo da data límite de xustificación do convenio de colaboración asinado coa Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA) para o ano 2025, que se estende ata o 15 de novembro.
Tamén en canto ás subvencións, aprobouse o convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e o Club Atletismo Santiago, cunha dotación económica de 10.000 euros.
Licenzas
A Xunta de Goberno concedeu tres licenzas de obra maior, para a construción dunha vivenda unifamiliar illada no lugar de Cortos, na parroquia de Marantes, para a reforma da cuberta dun inmoble situado na rúa do Castiñeiriño 72 e para o acondicionamento enerxético da fachada dun edificio na rúa de Teo, 37.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.