Monday 27 de October de 2025

Os Xardíns Valle-Inclán converteranse nunha pasaxe do terror con ambientación e sustos para festexar o Samaín


• A programación completarase coa proxección da película La autopsia de Jane Doe.

• Ambas actividades están organizadas pola Concellería de Cultura e levaranse a cabo o venres, 31 de outubro.

A Pobra celebrará o Samaín convertendo, de novo, os Xardíns Valle-Inclán nunha auténtica pasaxe do terror. Así o confirmou a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, explicando que a programación se completará tamén coa proxección do filme La autopsia de Jane Doe. Trátase de dúas propostas coas que a área de Cultura busca festexar esta cita, “que vai gañando en número de adeptos ano tras ano”. Ambas propostas levaranse a cabo o venres, 31 de outubro.

Por unha banda, o Xardín do Terror estará dispoñible desde as 20.00 horas. As persoas que participen nesta iniciativa farán un percorrido polos xardíns, que estarán ambientados con decoración propia da época. Ao longo da visita, os valentes que se atrevan a entrar recibirán varios sustos cos que se lles meterá “o medo no corpo”, tal e como explicou a concelleira. Ás 21.00 horas terá lugar a proxección da película La autopsia de Jane Doe no Teatro do Cine Elma.

As actividades son de balde e non requiren de inscrición previa. O Cine Elma estará tamén ambientado con decoración de Samaín, polo que se recomenda ao público que acuda disfrazado para “acentuar a atmósfera terrorífica”, subliñou Lojo.

Deja un comentario