• Terá lugar o xoves, 30 de outubro, ás 19:15 horas, no Local Social da Graña, en Ambroa
• Joaquín Mosquera, coordinador da Unidade de Mama no CHUAC e radiólogo no Hospital San Rafael, impartirá a charla, no marco da conmemoración do Día Mundial Contra o Cancro de Mama
• A actividade, de balde e aberta a toda a cidadanía, está organizada polas Xuntas Locais da Asociación en Irixoa, Aranga, Paderne e Vilarmaior
O vindeiro xoves, 30 de outubro, a Asociación Española Contra o Cancro celebrará unha charla sobre o cribado en cancro de mama impartida polo doutor Joaquín Mosquera, coordinador da Unidade de Mama no CHUAC e radiólogo no Hospital San Rafael. A xornada, gratuíta e aberta a toda a cidadanía, terá lugar no Local Social da Graña, en Ambroa (Irixoa), ás 19:15 horas.
A charla está organizada polas Xuntas Locais da Asociación en Irixoa, Aranga, Paderne e Vilarmaior, e enmárcase nos actos de conmemoración do Día Mundial Contra o Cancro de Mama. No seu transcurso, o doutor Mosquera afondará na importancia da participación das mulleres nos programas de cribado para detectar de forma precoz o cancro de mama, que é un dos tumores con maior incidencia —só por detrás do colorrectal e de próstata—, con 2.248 novos casos rexistrados en Galicia en 2024. A provincia da comunidade con maior número de diagnósticos é A Coruña, onde se detectaron 939 casos en 2024, e o 21 % deles diagnosticáronse en mulleres de menos de 50 anos.
A investigación, clave fronte ao cancro
A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade social e privada que destina máis recursos á investigación en cancro, co obxectivo de incrementar o coñecemento sobre a enfermidade, desenvolver novas terapias, avanzar en métodos de detección precoz e deseñar estratexias que melloren a calidade de vida dos pacientes. Só na provincia da Coruña, a Asociación mantén un investimento de 4,8 millóns de euros en proxectos activos. Entre eles atópanse estudos para buscar marcadores de resposta aos tratamentos no cancro de mama metastásico mediante análise de sangue, investigacións sobre biopsia líquida en cancro de mama metastásico para unha medicina personalizada ou o emprego de nanoemulsións para administrar fármacos minimizando os efectos secundarios dos tratamentos.
O cancro de mama Tomámolo a peito
Ademais de potenciar a detección precoz e a investigación, nas últimas semanas a Asociación presentou Tomámolo a peito, a campaña do Día Mundial Contra o Cancro de Mama 2025 da Asociación, cocreada e protagonizada por pacientes e o seu entorno para abordar o que significa a enfermidade máis alá do diagnóstico e do tratamento e conectar coas súas realidades. Neste sentido, como trasladaron na preparación da campaña, moitas pacientes senten que os seus achegados non as comprenden ou que as campañas habituais simplifican a enfermidade.
A peza principal deste ano é un vídeo no que familiares das pacientes con cancro diríxense directamente a elas para dicirlles que, aínda que ás veces non saiban como acompañalas na enfermidade, tómanse moi en serio o que elas poidan sentir: Ver vídeo aquí




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.